
A portavoz socialista critica o recorte do 4,7 % nos orzamentos de Economía e advirte de que Galicia “perde peso industrial mentres a Xunta carece dunha estratexia de futuro”
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista socialista, Elena Espinosa, advertiu este venres que os orzamentos da Consellería de Economía e Industria para 2026 “confirman o esgotamento dun modelo sen ambición”, ao recoller un descenso do 4,7 % respecto ao ano anterior e carecer, dixo, “dunha visión industrial seria, sólida e a longo prazo”.
Durante a súa intervención na Comisión de Orzamentos do Parlamento, Espinosa subliñou que o peso da industria galega “segue caendo no conxunto do Estado”, cun retroceso do 6,6 % segundo o INE (agosto de 2025), afastándose do obxectivo europeo de acadar o 20 %.
“A industria non é só un sector produtivo, é o motor do progreso económico e da cohesión territorial. Galicia ten talento, tradición e recursos, pero a Xunta carece dunha política industrial á altura”, afirmou.
A deputada socialista lamentou que o Goberno galego responda “aos retos da modernización, da dixitalización e da transición enerxética con menos investimento e menos ambición”. “Precisamos máis músculo público, non menos, cando se fala de competitividade e de futuro”, engadiu.
Espinosa puxo como exemplo do “fracaso das políticas industriais do PP” a situación de Xestur, cuxas vendas de solo industrial caeron á metade en 2024, pasando de 20 millóns de euros a 7,6 millóns, “a cifra máis baixa da última década”. Recordou ademais que a creación de Vipugal “só serviu para desorientar e reducir a actividade pública neste eido”.
Tamén se referiu aos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIES), “moitos deles parados ou sen avaliación ambiental”, e ao fracaso de Impulsa Galicia, sociedade creada en 2021 para promover proxectos tractores e disolta tres anos despois “sen executar ningún”.
A portavoz socialista contrastou esta inacción coa do Goberno de España, que —segundo explicou— apoiou en Galicia máis de 170 proxectos industriais cun investimento de 836 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “O Executivo central aposta pola innovación e a modernización, mentres a Xunta se limita aos anuncios”, afirmou.
Espinosa advertiu ademais da caída do 25,9 % no orzamento do INEGA e do estancamento do IGAPE, que apenas sobe un 0,8 %. “En plena transición enerxética, Galicia retrocede. Estamos a tempo de reaccionar, pero para iso hai que ter vontade política e unha estratexia industrial real”, concluíu.