
José Ramón Gómez Besteiro preguntaralle ao presidente da Xunta pola falla de resposta ás necesidades da cidadanía
O Grupo Socialista chama a reactivar a Comisión de Estudo do sistema de financiamento para acadar unha posición conxunta das forzas políticas e que o PP “abandone dunha vez a marca Génova”
“Falemos de sanidade, falemos de vivenda, de Dependencia ou de política industrial, o único que está facendo o goberno galego é o baile da conga da incompetencia no canto de avanzar e darlle solucións aos galegos e ás galegas”. Así resumiu a viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, a pregunta ao presidente que o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, lle dirixirá a Rueda no Pleno da próxima semana.
Espinosa interveu logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento e que comezou anunciando que a sesión de control estará centrada na falla de impulso e de resposta de Rueda, a quen lle esixiu que “deixe de facer de vicepresidente de Feijóo”. Afeoulle así á falla de resposta, sesión tras sesión, ás preguntas da oposición, amosando que “non é capaz de contestar absolutamente a nada” e prefire “rebotar todo contra o goberno de España”.
Puxo como exemplo a última sesión de control, na que sinalou ao Estado no canto de dar conta da xestión das súas competencias en materia sanitaria. Apuntou tamén á situación da vivenda, onde ano tras ano o aluguer sigue aumentando sen que a Xunta teña posto en marcha ningún observatorio da vivenda, e as únicas xestións que ofrecen emprazan ás familias ao ano 2040, data de entrega sinalada para as vivendas do Parque Ofimático de Vigo, por exemplo.
Afeoulle ademais a “xestión trapalleira e chapuceira” da regulación eólica, coa paralización xudicial de decenas de parques e a perda de investimento millonario por parte das empresas, coa conseguinte perda de emprego industrial. Finalmente, sinalou á Dependencia como exemplo da “chapuza” da xestión por parte do Executivo autonómico, que “quixo trampear a Lei en troques de facelo ben”.
Iniciativas
Espinosa deu conta das iniciativas que os socialistas galegos levarán ao Pleno da próxima semana, e que comezarán coa moción para reclamarlle ao PP que reactive a Comisión de estudo constituída para acordar unha posición propia de Galicia fronte á reforma do sistema de financiamento.
Lembrou que aquel órgano, que quedou en suspenso sen aprobar o ditame pola convocatoria das últimas eleccións autonómicas, é o entorno idóneo para “centrarnos nas necesidades de Galicia” e que o PP “abandone as directrices que recibe da marca Génova”.
O Grupo Socialista levará tamén unha interpelación para reclamarlle á conselleira de Política social que reformule dunha vez o modelo de residencias de maiores de Galicia e dea resposta á falta clamorosa de prazas públicas. Apuntou que Galicia necesita de 13.850 prazas, e se sitúa entre as catro comunidades autónomas con maior déficit de prazas de residencias para maiores de todo o Estado, segundo o informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.
Tamén presentarán unha proposición no de Lei para reclamarlle ao goberno galego un compromiso real co ensino público de calidade, inclusivo e non discriminatorio aprobando un Plan de choque para garantir profesores de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe en tódalas escolas que os precisen. A outra proposición non de Lei que levará o Grupo socialista reclama un Plan estratéxico de fomento da agricultura e a gandería extensiva.
Monte Neme
O apartado de preguntas comezará cunha iniciativa urxente para que o goberno galego explique claramente o que ten sucedido na antiga explotación mineira de Monte Neme, que rematou co colapso da balsa mineira a apenas 50 metros dunha zona poboada. Tamén preguntarán pola paralización da VAC Costa Norte e o deterioro dos centros educativos no Concello de Zas.