

O PSdeG chama a participar na concentración en defensa da sanidade pública do próximo domingo
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, denunciou hoxe o colapso das urxencias e o abandono da Atención Primaria provocada pola “estratexia deliberada de recortes” do PP dende o goberno galego co obxectivo de desmantelar este servizo público esencial. Espinosa presentou unha pregunta no Parlamento para reclamar actuación s concretas para solventar os problemas que se están a producir nos servizos de urxencias dos hospitais de Galicia.
A responsable socialista levou esta iniciativa ao Pleno do Parlamento como antesala da mobilización en defensa da sanidade pública convocada para o próximo domingo en Santiago de Compostela en defensa dun servizo público esencial. Espinosa reclamoulle ao conselleiro de Sanidade que “sexan conscientes da realidade da saturación permanente, os atrasos na atención ou a masificación de pacientes, depositados durante días nos corredores”.
Advertiu que “a solución non pode recaer exclusivamente no esforzo persoal e na improvisación permanente, que non poden agochar o deterioro progresivo da calidade asistencial e a sobresaturación do persoal sanitario”. Dixo que este modelo “resulta insostible no tempo e evidencia a necesidade urxente de adoptar medidas estruturais que garantan unha atención nas urxencias segura e de calidade”.
Ademais, o Plan de reforzo nas urxencias, dirixido a rematar coa sobrecarga asistencial deste servizo, debe ir acompañado do reforzo dos servizos de atención primaria para que poidan dar saída ás enfermidades comúns e casos leves que rematan en urxencias porque o primeiro nivel asistencial sinxelamente non da abasto.
Reclamoulle ao conselleiro que “aparte as mensaxes triunfalistas” e dar paso a unha “análise rigorosa e realista” da situación da sanidade pública, que está a vivir unha situación xeneralizada de sobresaturación das urxencias que deriva no colapso asistencial e afecta ao funcionamento ordinario de todo o sistema sanitario público e na atención á cidadanía.