A deputada socialista Elena Espinosa denuncia que os centros de saúde de Pazos e Fornelos están sen persoal médico e critica que se derive a todos os pacientes a Redondela: “Como se todo o mundo puidese coller o coche e desprazarse sen máis”
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, denunciou hoxe a situación límite que están a vivir os veciños e veciñas de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Os seus centros de saúde levan días sen médico. Literalmente. Só hai persoal de enfermaría e auxiliares, que fan o que poden, pero que non poden suplir unha consulta médica.
“E este é o marabilloso plan de verán azul do conselleiro e de Rueda”, ironizou Espinosa. “Deixar sen médico a quen o necesita, como se en verán non nos puidésemos poñer malos ou como se enfermar fose unha cuestión de capricho”, engadiu.
A realidade é que todos os pacientes están sendo derivados a Redondela. “Pero, que pasa coa xente maior que vive soa? Ou con quen non ten coche, nin familia preto, nin posibilidades de moverse? Para eles, este ‘plan de verán’ é directamente un castigo”, denunciou a deputada.
Espinosa lembrou ademais que o PSdeG presentou no Parlamento unha proposición de lei para garantir que todos os galegos e galegas puidesen ser atendidos polo seu médico ou médica de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas. “Non pedíamos un luxo, pedíamos algo tan básico como ser atendidos a tempo”, explicou.
“Pero o PP votou en contra. Porque claro, nos mundos de Yupi de Rueda e de Gómez Caamaño todo vai ben. Non hai listas de agarda, non hai centros sen médicos, non hai xente que se queda sen atención. Todo perfecto… sobre o papel. A realidade, por desgraza, é outra moi distinta”, concluíu.