Aféalle á Xunta que responsabilice aos traballadores e traballadoras polas baixas cando a súa xestión da sanidade pública retrasa a consulta dun especialista, as probas diagnósticas ou as operacións cirúrxicas
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, puntualizou hoxe que o deterioro da sanidade pública é o que está detrás do prolongamento das baixas laborais temporais. Así o dixo na comparecencia no Parlamento da secretaria xeral técnica do Sergas, á que lle afeou que o goberno galego estea a sinalar de forma inxusta aos traballadores e traballadoras.
Espinosa criticou que o goberno galego teña acusado a milleiros de traballadores e traballadoras galegos de ter baixa laboral “sen necesitala”, cando a eles non lles corresponde asinar a baixa nin a alta, que en moitas ocasións “é consecuencia das listas de espera que lles impiden ir á consulta dun especialista, realizar probas diagnósticas ou ser operados”.
Trasladoulle a preocupación do Grupo Socialista de que “o sistema público de saúde non sexa capaz de atender en tempo e forma ás persoas enfermas e que como consecuencia estean cunha Incapacidade Laboral Temporal -ILT-“. Citou ao secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, que apuntou a un “sistema de saúde absentista”, cando o problema de accesibilidade á sanidade pública “é o principal factor de que moitas persoas hoxe se atopen de baixa laboral.