A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, cualificou esta mañá de “covarde” e “moi mellorable” o proxecto de Lei de Rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, presentada hoxe pola Xunta no Pleno do Parlamento. Dixo que o proxecto antepón o económico e intereses persoais ó patrimonio, e advertiu dunha “inxenuidade preocupante” no texto e a incapacidade para atopar o equilibrio necesario entre patrimonio e cidadanía.
A parlamentaria socialista explicou a abstención crítica do Grupo Socialista a unha Lei necesaria pero insuficiente á hora de poñer en marcha “medidas que permitan a mellora das tramitacións e axilización na rehabilitación do patrimonio”. Criticou o “enfoque actual” do texto que presentou o Executivo na Cámara e que “responsabiliza o cidadán” pero non as políticas que levaron a esta situación.
Criticou os canons sancionadores como medida de incentivo pois so consigue implantar “medo, limitacións e condicionantes”, pero non solucionan a incapacidade de moitos propietarios para rehabilitar en zonas que perderon todo o seu atractivo para ser habitadas con calidade de vida. Estes canons, ademais, non aplicados con “equidade”, aumentan o perigo de “desigualdade máxima” cuestión coa que “o Partido Socialista nunca se vai a posicionar a favor”.
Falou de que “Galicia non pode, nin debe ser culpabilizada, senón entendida e apoiada” e propuxo como alternativa “medidas de carácter positivo e de incentivos” que respondan a unha realidade social que “ten pasado por moitas dificultades” debido á “inacción dos anos”.
Por outra banda, destacou a gravidade do artigo 40 acerca de a protección dos bens culturais, e sobre cal a responsable socialista ironizou con que parece afirmar que “esta nova lei, pode ser que desprotexa e o sabemos”. Sinalou este “verdadeiro despropósito” pois, ao igual que outros artigos, deixa nunha situación de “vulnerabilidade” a moitos inmobles protexidos, así como tira por terra a validez dos plans especiais de protección vixentes hoxe en día.
Perspectiva de xénero
A parlamentaria socialista citou a crítica urbanista, Jane Jacobs para explicar a importancia da perspectiva de xénero. A estadounidense falaba nos 60 de que “non existe intervención urbana que a día de hoxe poida facerse ó marxe da perspectiva de xénero” algo que, a deputada explicou, e mais importante “nas operacións de renovación e rexeneración”.
A aposta polo urbanismo con perspectiva de xénero “non so dende o financiamento a actividades que garantan a presenza de mulleres ou medidas de conciliación” , se non tamén na “modificación e adaptación daqueles elementos urbanos que teñen condicionado a mobilidade e modos de uso das cidades ou vilas” de todas as mulleres e colectivos dependentes tradicionalmente delas “como as persoas dependentes ou os nenos”.