A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, anunciou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que implante un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela. Así o confirmou logo dun encontro coa Plataforma para a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela.
Díaz levará ao Parlamento a demanda desta Plataforma, ratificada polas 4.000 sinaturas de apoio que recabaron en tan só un mes, e que piden profesionalizar unha disciplina que conta cun “enorme interese por parte da cidadanía e unha gran demanda na cidade de Santiago”. Así o demostran as máis de 1.700 persoas matriculadas en escolas privadas da cidade e o respaldo que ten recabado esta petición por parte do Pleno do concello.
A construción do Conservatorio “suporía unha oportunidade magnífica para todas aquelas persoas que desexen formarse nesa disciplina artística e non teñan a posibilidade de trasladarse á cidade de Lugo ou mesmo á Coruña. Actualmente hai en Galicia “varios conservatorios profesionais e dous superiores de música, dependentes todos eles da Xunta, e sen embargo só hai un profesional de danza en Lugo e outro na cidade de A Coruña dependente da Deputación.
Noa Díaz defendeu o papel dos conservatorios como “dotacións e contedores culturais que, ademais de achegar valores educativos e artísticos, supoñen unha oportunidade laboral para os seus alumnos”. Fixo valer ademais o forte peso cultural de Compostela, a súa cualidade de cidade universitaria e unha situación xeográfica privilexiada que abriría as portas á cidadanía doutras partes de Galicia.