
En coordinación coa dirección federal do PSOE e ante a gravidade das acusacións por presunto acoso coñecidas sobre José Tomé, o Partido Socialista de Galicia quere informar do seguinte:
Tal e como adiantou a secretaria de Organización do PSdeG esta mesma mañá, as informacións sobre presunto acoso sexual en Lugo non só nos producen tristura, senón repugnancia, e xa están sendo investigadas con todas as consecuencias. O Partido Socialista vai chegar ata o final.
Vaia por diante o noso apoio ás vítimas de calquera tipo de conduta machista, como sempre fixemos no noso partido. Todas elas contan co noso afecto, respaldo e solidariedade. Somos o partido que sempre deu pasos fronte á desigualdade, caia quen caia. Tolerancia cero.
Desde hoxe José Tomé xa non ten ningunha vinculación co Partido Socialista. Pediu a súa suspensión de militancia e anunciou a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo, así como o seu abandono inmediato dos grupos socialistas. É o que tiña que facer. É o que debía facer e é o que lle esixiu o partido que fixese, debendo acompañalo coa entrega das súas actas.
Como xa se trasladou onte, non temos coñecemento de ningunha denuncia na canle contra o acoso porque non podemos Telo, ao garantir o anonimato o protocolo que activa o partido. Por iso, neste momento e coa información da que dispoñemos, pedimos respecto para a vítima e confiamos na investigación do Órgano contra o Acoso.
A dirección do Partido Socialista en Galicia ante calquera conduta machista e en calquera contexto sempre tivo e terá a mesma resposta: apoiar ás vítimas e animalas a denunciar.
Precisamente, para facilitar ese dereito e crear un entorno seguro que anime ás vítimas a denunciar, o noso partido habilitou unha canle específica que garante a confidencialidade, a intimidade e o anonimato das mulleres. Unha ferramenta que, ademais, permite ao Órgano contra o Acoso investigar e actuar con todas as garantías e independencia.
O Partido Socialista en Galicia proporá agora á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha comisión xestora na provincia de Lugo.