

Silvia Longueira reclama no Parlamento que Sanidade abra o centro sanitario en quenda de tarde
A parlamentaria socialista Silvia Longueira acusou ao PP de manter á cidadanía de Carral “refén” do desleixo do alcalde do seu partido e da incapacidade do goberno galego. Así o dixo logo de que o PP rexeitara no Parlamento unha proposta para reclamarlle ao goberno galego o acondicionamento do inmoble, a construción dun novo edificio nos terreos postos a disposición polo concello e que o servizo abra tamén en quenda de tarde.
A responsable socialista acusou ao alcalde e ao goberno galego de levar anos adiando a construción dun novo centro, unha posibilidade que está a ser anunciada ano tras ano polo alcalde, que sen embargo non desbloquean o proxecto. E mentres tanto, o centro actual suma 37 anos de actividade nos que o deterioro resulta máis que evidente e “mete medo” polas humidades e a falla de mantemento, ademais de que se ten quedado pequeno.
Reclamoulle ao goberno galego que se faga cargo da construción dun novo edificio e, ao mesmo tempo, leve adiante as actuacións de mantemento necesarias para “dignificar e ofrecer condicións salubres” mentres desenvolven a construción dunhas novas instalacións.
Longueira acusou ao PP de presentar unha emenda “aspiracional” que non concreta actuacións para “gañar tempo” e continuar adiando unha intervención imprescindible para garantir unha sanidade de calidade nun concello de 6.775 habitantes en crecemento, para os que as instalacións quedaron xa pequenas. Por iso reclama ademais a apertura da atención primaria en quenda de tarde e reducir unhas listas de espera de 15 días, que chegan aos 30 días no caso das análises.