

O secretario xeral do PSdeG criticou os retrasos nas obras do hospital de referencia para 36 concellos coruñeses, que Rueda prometera ter rematadas en 2027: “Agora propón o 2031, pero xa digo que no 31 tampouco van estar”
Censurou que a unha cidade na que hai preto de 4.000 demandantes de vivenda pública o Executivo do PP só a atender esa necesidade 14 millóns, “dos cales a metade proceden do Goberno central e que representan case case o mesmo que vai investir o Concello”, cun orzamento 37 veces menor
O secretario provincial socialista lamentou a “utilización” que Rueda fai das contas públicas “para favorecer ao seu partido” nos concellos que goberna o PP e reclamoulle un sistema “transparente” para transferir recursos ás administracións locais
Bernardo Fernández Piñeiro advertiu que os Presupostos non dan resposta “á principal demanda da cidadanía”, como é a falta de vivenda, nin ás necesidades que traslada comunidade educativa desde principio de curso, nin á falta de infraestruturas que mantén illados a milleiros de cidadáns
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou hoxe os “investimentos minguantes” para as obras do novo Hospital Universitario da Coruña como exemplo do que representa para toda a provincia o proxecto de Orzamentos da Xunta. O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia advertiu que os traballos no complexo hospitalario deberían estar rematados en 2027, tal como se comprometera o Goberno galego, pero, recordou, “xa non vai ser, porque agora propón o 2031, pero xa digo que no 31 tampouco van estar”.
O líder socialista criticou que as contas da Xunta foron rebaixando nos últimos anos as partidas destinadas á remodelación do Chuac. “Para o ano 2026, prevían nun principio máis de 100 millóns, que despois foron 60, e agora nos Orzamentos que acaban de presentar son pouco máis de 40 millóns”, repasou en relación con algo que acontece tamén en outros complexos hospitalarios da provincia que tamén sofren atrasos nos seus procesos de modernización, “como é o caso do Marcide, de Ferrol”, ou que manteñen deficiencias que os Presupostos non abordan, coma o Chus, de Santiago.
Besteiro apuntou que o complexo hospitalario coruñés presta servizo a máis de medio millón de veciños e veciñas de 36 concellos da provincia, e que, ademais, é o buque insignia dunha área sanitaria na que traballan máis de 8.000 profesionais da saúde. Así, a falta “dunha aposta clara por sacar adiante o proxecto dun xeito rápido está producindo constantes problemas aos pacientes, que teñen que acudir a unhas instalacións en permanente reforma, pero tamén aos propios profesionais”.
Para o secretario xeral, os Presupostos “sen alma” que presentou Rueda “non van dirixidos a solucionar os problemas dos galegos e das galegas”, entre eles, o que está a causar maior preocupación entre a cidadanía. “Só na cidade da Coruña hai preto de 4.000 demandantes de vivenda pública, e na provincia case 8.000”, sinalou para alertar da insuficiencia dos recursos que o Executivo do PP dedica a atender esa situación. “Para a cidade contempla 14 millóns, a metade deles, por certo, fondos dese estado co que permanentemente está en guerra Rueda. 14 millóns que son, case, case, o que o Concello destina á promoción de vivenda”, pese a ser unha Administración que conta cun orzamento 37 veces menor que o da Xunta.
Segundo afirmou, ambos casos son mostra do que representan para a provincia os “absolutamente insuficientes” Orzamentos do 2026, defendidos por un PP cuxa “última ocorrencia” son uns minipisos de 26 metros cadrados “que máis parecen zulos habitacionais”.
“Non resolven o problema da vivenda, non se atalla o problema da sanidade pública, non se solucionan os problemas de dependencia…”, censurou José Ramón Gómez Besteiro. E lamentou que a posibilidade que ofrece o Estado para destinar máis recursos a esas necesidades, a través dunha condonación de parte da débeda, sexa rexeitada polo PP. Lembrou a Xunta vai destinar a pagar esas obrigas máis de 1.800 millóns de euros, “máis do que temos que dedicar a atención primaria ou a política social”, lamentou.
Besteiro fixo esas declaracións ás portas do Hospital Universitario coruñés na compaña, entre outros, do secretario xeral da Agrupación Socialista provincial e das deputadas Silvia Longueira e Patricia Iglesias. Bernardo Fernández Piñeiro defendeu, ademais, que os Orzamentos autonómicos “son un brinde ao sol, coma nos últimos anos”, por canto se vén repetindo unha baixa execución duns investimentos que, ademais, “non veñen recollidos con nomes e apelidos” no documento.
Á falla de fondos suficientes para vivenda, “a principal demanda da cidadanía”, únense eivas no ámbito da educación. “Son moitas as deficiencias que as comunidades educativas trasladaron desde o inicio do curso ao longo e ancho de toda a provincia, e tampouco se ven atendidas”, explicou. Entre outros exemplos, citou colexios con problemas estruturais graves, “nos que chove por enriba dos cadros eléctricos ou caen cascotes, e non vemos ningún tipo de partida que acredite que se van realizar investimentos neles”.
No capítulo de infraestruturas recordou casos coma o da vía de alta capacidade Costa Norte, que iniciou o Goberno de Touriño e leva parada desde entón “a pesar de ser unha promesa electoral do PP xa en época de Manuel Fraga”. “Todos os anos vemos unha pequena partida para dicir que está, pero nunca se da executado”, dixo. “Iso mantén illados a milleiros de cidadáns do norte da provincia”, engadiu.
Fernández Piñeiro criticou tamén a “utilización” que Rueda fai das contas públicas “para favorecer ao seu partido” nos concellos que goberna o PP, e reclamoulle un sistema “transparente” para transferir recursos ás administracións locais. Sinalou especialmente “esas mocións de censura que son unha auténtica vergoña” e tras as que se materializan investimentos que antes se negaban a alcaldes e alcaldesas doutra cor política.
Confrontou, nese senso, que a Xunta destina menos de 120 millóns ao reparto de fondos “con criterios obxectivos” entre os máis de 300 concellos galegos mentres a Deputación da Coruña dedica 138 millóns a tal fin, con eses criterios obxectivos, para só 92 municipios.
Datos de cribados
A preguntas dos medios, José Ramón Gómez Besteiro referiuse tamén á negativa por parte de Rueda de achegar ao Ministerio de Sanidade os datos de cribado de cancro de mama. “Se de verdade teñen a información, se fan as cousas axeitadamente, cal é o inconveniente en facilitar esa información?”, preguntouse. “Pode que estean preocupados porque non están facendo as cousas como din”, dixo, e advertiu que o que acontece en comunidades onde goberna o Partido Popular é que se debilita a sanidade pública.
Con todo, o secretario xeral defendeu que “ten que haber coordinación entre administracións e unha lealdade para compartir datos co obxectivo de mellorar a situación da sanidade pública”.