O secretario xeral do PSdeG reivindicou o potencial da industria galega durante a súa visita a TMC Cancela, unha empresa que lidera a nivel nacional o sector da maquinaria agrícola de roza dende o concello de Tordoia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, expresou hoxe a súa preocupación “polo que está detectando o Consello de Contas sobre a contabilidade do Sergas”. Foi durante unha visita a Tordoia, desde onde asegurou que os socialistas ven “con moita alarma” o que consideran unha mala xestión e unha perda de recursos dentro dun organismo que “ten un volume de contratación enorme e de peso no sector público”, lembrou en referencia a que o Servizo Galego de Saúde consume arredor dun 40 % do orzamento da comunidade.
Besteiro criticou que, segundo os informes que o Consello de Contas trasladou onte ao Parlamento, “os fondos europeos non se están executando” e, polo tanto, “estanse perdendo capacidades”. Por exemplo, segundo consta nesa documentación, dos máis de 1.200 millóns relacionados cos Next Generation, unicamente se aboaron un 15 %.
Por outra banda, grandes cantidades que constan como investimento “son en realidade gastos correntes”, o que se suma a que “aparecen facturas nos caixóns” e a que os orzamentos “se modifican constantemente”.
O secretario xeral referiuse tamén á reflexión que o Consello fai acerca da perda de ingresos que provoca “esa política fiscal errática” da Xunta, “que non beneficia á maioría dos galegos e das galegas”, porque se produce unha perda de recursos. “Mal exemplo damos cando non somos capaces de recadar suficiente e lle pedimos ao Estado ou a outras administracións que fagan un esforzo maior do que nós estamos facendo”, criticou.
Besteiro asegurou que, á vista dos informes do Consello de Contas, “hai moito que esclarecer”, de modo que a preocupación do PSdeG se traducirá “nunha petición de explicacións” ao Goberno galego e na esixencia de que se produza unha xestión axeitada, porque, do contrario, “perdemos recursos públicos, moi necesarios nun campo como é a sanidade, que demanda máis investimento e máis recursos humanos para unha mellor prestación”.
Industria e emprego de calidade
As declaracións de José Ramón Gómez Besteiro sobre a contabilidade do Sergas producíronse no marco dunha visita á empresa TMC Cancela, na que estivo acompañado polo candidato socialista ao Parlamento Europeo Nicolás González Casares e polo voceiro do PSdeG no Concello de Tordoia, Tomás Castro Liñares.
O secretario xeral puxo a compañía como exemplo de que “nun entorno rural se pode xerar emprego de calidade, emprego técnico” e destacou que o 60 % dos equipos que fabrica TMC Cancela están destinados á exportación. “Os socialistas compartimos o obxectivo de incrementar o peso industrial no noso país e imos apoialo dende calquera punto de Galicia”, asegurou antes de mostrar a súa satisfacción por comprobar que “proxectos familiares coma este foron medrando ano tras ano aumentando a súa capacidade de ingresos e xerando un emprego de calidade e mellor retribuído, que é o que nós defendemos”.
O director executivo de TMC Cancela, Javier Cancela, guiou a visita polas instalacións, nas que se fabrica e se ensambla maquinaria agrícola e forestal para tarefas de roza. “Somos o primeiro fabricante nacional no noso sector e o terceiro a nivel europeo”, explicou Cancela sobre unha empresa que vende en máis de 60 países, que medrou durante a última década a un ritmo superior ao 20 % anual, que o ano pasado tivo un volume de negocio de 30 millóns de euros e que conta con 155 empregados.