

“Os socialistas defendemos a transferencia da competencia, pero a transferencia da titularidade non implica gratuidade”, asegurou o secretario xeral do PSdeG, que advertiu que nas autoestradas que son propiedade da Xunta “hai que pagar peaxes”
“Que Rueda diga publicamente que, se asume a titularidade da AP-9, temos garantida a gratuidade”. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro reclamou así hoxe o compromiso do presidente da Xunta para que os usuarios e usuarias da Autoestrada do Atlántico gocen dunha vía libre de peaxes cando esta se transfira á comunidade autónoma.
En resposta a preguntas dos medios, Besteiro explicou que os socialistas defenden “a transferencia da competencia, pero a transferencia da titularidade non implica a gratuidade da autoestrada, algo que algúns non queren entender”. De feito, autoestradas das que é titular a Xunta, coma a AG-55 e a AG-57 son de peaxe, sen que o Goberno galego dera ningún paso para facelas gratuítas.
O líder socialista insistiu en que para o PSdeG “o prioritario” é que a cidadanía non teña que pagar peaxes para circular por esa vía, algo no que se vén avanzando durante os últimos anos ata acadar a día de hoxe bonificacións do 75 % do prezo para usuarios e usuarias recorrentes. Sinalou tamén que só queda “un pequeno salto” para acadar o obxectivo desa gratuidade, máis nun momento no que Europa puxo en cuestión a legalidade da prórroga da concesión da AP-9, unha medida que executou o Goberno de Aznar.
“Curiosamente, o Partido Popular é agora o que fala de transferir e de non pagar peaxes. Son os mesmos que nos impuxeron esta lousa que chega ata o ano 2048”, denunciou Besteiro, que ante calquera posibilidade de que se traspase a Galicia a propiedade da autoestrada sen que se teñan levantado as peaxes insistiu: “Gratuidade antes que titularidade”.