“Os 14 psicólogos que Rueda anunciou que se ían incorporar son os mesmos que levan prometendo durante os últimos tres anos”, denunciou o secretario xeral do PSdeG ante o ambulatorio de Curtis
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe a situación da atención primaria no interior de Galicia. “A realidade do rural é que ou non hai centros de saúde ou hai centros de saúde sen médicos”, advertiu desde o ambulatorio de Curtis, un dos moitos nos que a cidadanía está a padecer a falta de facultativos e as longas esperas para acceder a unha consulta. De feito, a situación motivou nos últimos tempos concentracións tanto da veciñanza coma do persoal sanitario ás portas dos dous centros de saúde que existen no municipio: Curtis e Teixeiro.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia insistiu en que o PSdeG seguirá acudindo aos numerosos concellos de toda a xeografía galega onde a Xunta pecha consultorios e centros médicos ou non os dota dos recursos humanos necesarios para prestar unha atención axeitada. Besteiro sinalou que “non se trata dunha situación excepcional”, senón dun “problema serio” e xeralizado. “E fronte a un PP e a un Rueda que din que ese problema non existe, nós constatamos día a día que nas zonas rurais a atención primaria está sendo absolutamente deficitaria”, asegurou.
O líder socialista visitou durante a mañá Frades e Curtis na compaña da deputada Silvia Longueira, o secretario provincial, Bernardo Fernández, e alcaldes, alcaldesas e portavoces do PSdeG da comarca, entre outros cargos do partido. Desde alí alertou da degradación dos servizos públicos “da man do Partido Popular, que leva 16 anos mirando para outro lado mentres a sanidade se deteriora”.
José Ramón Gómez Besteiro referiuse tamén ao anuncio do presidente da Xunta sobre a incorporación de persoal para reforzar a atención á saúde mental, nun momento no que a comunidade autónoma padece unha das peores incidencias de España en relación con este tipo de problema. “Os 14 psicólogos que Rueda dixo que se Ían incorporar son os mesmos que levan prometendo durante os últimos tres anos”, censurou, e advertiu que é necesario “duplicar a cifra de psicólogos clínicos no sistema galego de saúde” para atender as case millón e medio de citas relacionadas coa saúde mental que se solicitan cada ano.
“Xa é un verdadeiro drama, como o que tamén se vive na atención primaria”, afirmou. “Faltan centros de saúde e faltan médicos. Non hai unha atención primaria decente para todos os galegos e galegas que viven nas zonas rurais”, resumiu o secretario xeral do PSdeG.