O secretario xeral do PSdeG destacou o papel clave de Ángel Mato para recuperar e impulsar un proxecto que acordaran no 2010 o alcalde Vicente Irisarri e o ministro José Blanco, e que quedara paralizado durante os gobernos do PP
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, tras a inauguración do novo bulevar que une os barrios de Caranza, O Bertón, Esteiro, Ultramar e Recimil: “Este é o modelo de cidade que queremos, con áreas verdes, zonas libres e espazo público para a xente”
“Esta é a culminación dunha obra que ten un marcado carácter socialista”, afirmou hoxe José Ramón Gómez Besteiro tras a inauguración oficial da nova avenida das Pías, que esta mañá deu paso á apertura definitiva do último tramo que faltaba por poñer en uso, na zona de Caranza e O Bertón. O secretario xeral do PSdeG repasou os distintos momentos polos que foi pasando o proxecto desde que en 2010 o entón alcalde, Vicente Irisarri, e o ministro de Fomento, José Blanco, asinaran o protocolo que incluía a conversión do que era unha autovía de acceso a Ferrol nun moderno bulevar. Foron os inicios, “cando Ángel Mato era concelleiro de Urbanismo”, dun plan que se paralizou “cos gobernos do PP, con Ana Pastor como ministra de Fomento”. “Ata que volveu ser Ángel Mato, esta vez como alcalde, quen recuperou “este proxecto fantástico, de máis de 11 millóns de euros, o primeiro da Axenda Urbana española que se puxo en marcha co Plan de Recuperación do Goberno socialista”.
Besteiro destacou a importancia dunha actuación que serve para “conectar barrios”, darlle “homoxeneidade” ao espazo urbano e, sobre todo, “converter Ferrol nunha cidade claramente moderna”. Valorou os máis de 40.000 metros cadrados de espazo verde, “que reflicte como facemos as obras os socialistas, ao servizo de cidades máis habitables e saudables, conectando á cidadanía”.
O líder do PSdeG enmarcou a transformación da avenida das Pías dentro da “aposta” dos socialistas por Ferrol, con investimentos na industria naval que acadan os 5.000 millóns de euros, proxectos para desenvolver vivenda pública, que se deben materializar en zonas coma o Sánchez Aguilera, xa que o Executivo central “está volcado en iniciativas de vivenda pública”, ou o financiamento de actuacións no patrimonio, como exemplifica a rehabilitación que se está levando a cabo no castelo de San Felipe.
“O papel protagonista de Ferrol no futuro de Galicia”
Todo iso é a mostra “dunha cidade que rexurde froito da iniciativa pública dos gobernos socialistas, que puxeron en marcha ese desenvolvemento e devolveron a Ferrol o seu papel protagonista no futuro de Galicia”, asegurou.
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol e portavoz do Grupo Municipal, Ángel Mato, coincidiu con Besteiro en destacar a “aposta decidida” do Goberno central pola cidade naval. Por iso, invitou a todas as Administracións a traballar no mesmo senso “con lealdade institucional” e aproveitar “todas as oportunidades”. Lamentou, por iso, que o PP impedise desenvolver o proxecto do primeiro quilómetro da estrada de Castela, “co que hoxe a obra das Pías sería moito maior”.
Porén, mostrou a súa satisfacción por ver concluída “a obra de urbanización máis importante que se ten feito nesta cidade”, unha actuación que vai “alén de todas as melloras que se fixeron desde o punto de vista urbano”. Porque para Mato, a “significación fundamental” do novo bulevar é “suturar barrios de moi distinta natureza”, de modo que ten “unha parte social importantísima”. A iso, lembrou, únese unha gran mellora desde o punto de vista medioambiental. “Une barrios moi distintos que van empregar este espazo público, que agora os une e non os separa, para mellorar as súas condicións de vida”, explicou. “Este é o modelo de cidade que queremos con espazos verdes, zonas libres e o espazo público para xente”, remarcou.
Mato falou tamén de proxectos de futuro, coa base dun Ferrol “que medra por primeira vez en décadas porque houbo unha aposta clarísima do Goberno de España que eu teño que agradecer, porque é un Goberno que non ten parangón na democracia, tal como estamos a ver cos investimentos no naval, nos accesos ao porto, na remodelación do castelo de San Felipe ou nesta mesma actuación que hoxe se remata”.
Nese punto, chamou a “insistir” no desenvolvemento do plan para abrir Ferrol ao mar, “que é posible grazas ao compromiso firme do Goberno con esta cidade”, na construción do dique cuberto de Navantia, “que suporía a modernización definitiva do estaleiro para poñelo á vangarda europea”, e a “cuestión fundamental” da conexión ferroviaria.
Visita a Caranza
Tras o acto de inauguración, que tivo lugar na avenida á altura da rúa Lepanto, Besteiro e Mato percorreron Caranza na compaña da presidenta da asociación Cuco Ruiz de Cortázar, Mapi Rodríguez Venancio. Durante a visita, analizaron diferentes necesidades da zona máis poboada de Ferrol, onde residen máis de 10.000 persoas.
O secretario xeral puido coñecer de primeira man distintos proxectos que se teñen desenvolvido no barrio durante os últimos anos e recoller as principais demandas da veciñanza, agora que, tras humanización da avenida das Pías, se lle vén de dar solución ao illamento que padecía Caranza respecto de outras zonas da cidade.