
VALORACIÓN DE JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO AO DISCURSO DE FIN DE ANO DE RUEDA
O presidente Alfonso Rueda pecha o ano cun discurso autocompracente, cheo de apelacións á calma, ao “sentidiño” e a unha Galicia que, segundo el, funciona. Pero o problema dese discurso non é o ton: é que pretende dar por bo un modelo de país que non está dando resultados.
Rueda fala de serenidade e boa xestión, pero evita falar do que máis preocupa á cidadanía: dos atrasos e das esperas. Evita falar de por que hai persoas que levan meses agardando por unha consulta médica, por unha prestación da dependencia ou por unha oportunidade para acceder a unha vivenda. Porque cando un goberno non fala das esperas, é porque sabe que se converteron no seu principal fracaso.
Pasa na sanidade, onde se presume de tecnoloxía e de excelencia pero non se di nada das demoras que sofre a xente cada día. Fálase do sistema, pero non das persoas que agardan. E cando falamos de dereitos, o tempo tamén é un dereito.
Pasa na dependencia, que practicamente desaparece do discurso como prioridade política, cando hai persoas maiores e familias que levan demasiado tempo esperando por unha prestación básica. Invisibilizar ese problema non o resolve: só fai que chegue tarde.
Pasa tamén na vivenda. Rueda fala do futuro, de promesas e de proxectos por chegar, pero cala unha realidade incómoda: durante 16 anos o PP non fixo política pública de vivenda en Galicia. Agora recoñece implicitamente o problema cando xa é enorme, cando acceder a unha vivenda digna se converteu nun luxo para demasiada xente. Non se pode construír un proxecto de país sólido cando se abandona durante anos un dereito básico.
Pasa na educación. Fálase de valores, de convivencia e de boas intencións, pero evítanse os problemas reais do ensino público e as desigualdades que se están consolidando. Un país non avanza se non reforza a súa educación pública; limítase a sobrevivir.
Pasa tamén na igualdade. A violencia machista aparece no discurso como unha referencia final, case protocolaria, sen ambición política nin compromiso claro. Combatela require prioridade real, non mencións de peche.
E pasa, de maneira moi clara, na xestión do territorio e do rural. Horas antes de pronunciar este discurso, o propio presidente cesaba -aínda que o presentase como unha decisión voluntaria- a toda a cúpula da Consellería de Medio Rural, tras un verán marcado polos incendios. Ese feito encaixa mal cun relato de éxito e estabilidade, pero encaixa perfectamente cun proxecto mal planificado que non funciona.
Mentres todo isto ocorre, a economía galega non colle pulo e queda por detrás, sen capacidade para xerar o dinamismo que se promete ano tras ano. Fronte a ese estancamento, o balance oficial é autocompracencia; fronte ás listas de espera, silencio.
E ante esta Galicia real -listas que medran, dereitos que chegan tarde e un modelo que non despega- a resposta do presidente é pedir calma, previsibilidade e “sentidiño”.
Pero o sentidiño non reduce listas de espera, non garante coidados, non crea vivenda pública nin reactiva a economía. O problema non é a actitude da xente, senón a falta de respostas de quen goberna.
Invocar a Castelao para xustificar a inacción mentres se acumulan os problemas é esquecer que Castelao nunca defendeu a resignación, senón o compromiso co país e coa súa xente.