
O secretario xeral do PSdeG censurou que o novo marco financeiro plurianual, tal e como se formula, inclúe a redución da PAC e os fondos para a pesca, pero tamén “vai condicionar moito os investimentos industriais”, e reclamou que o gasto en seguridade “non se canalice só cara o centro de Europa”
O líder socialista denunciou o uso “tan excesivo” que Rueda fai da lei de acompañamento dos Presupostos “para furtar o debate ao Parlamento” e cualificou de “burdo argumento” alegar, como fai o PP, que a causa é que o Estatuto de Autonomía non faculta a o Goberno galego para recorrer ao decreto-lei
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento autónomo, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou hoxe a súa visita a Bruxelas co obxectivo de “reforzar a defensa das particularidades de Galicia no marco financeiro 2028-2034”. Momentos antes de partir para a capital europea, o líder socialista salientou que neste “momento crítico” a Comisión Europea, “cunha inclinación cara a dereita e vínculos tamén coa ultradereita” estea a planear “fortes recortes nos fondos de cohesión”.
“Para Galicia non é un tema menor”, advertiu Besteiro, que sinalou, por unha banda, a repercusión dos recortes sobre o agro e a pesca, coa drástica redución de fondos coma os da PAC ou do Fempa, e por outra, a “orientación” dos investimentos en materia de industria, tecnoloxía e enerxía. Así, explicou que un dos obxectivos da viaxe é “trasladar cal é a posición estratéxica que ten Galicia”, por exemplo, no referido ao naval, “que está vivindo un repunte, pero que non queremos que quede apartado dos investimentos en seguridade”. “Queremos que non se canalicen só cara o centro de Europa, senón que tamén España e Galicia saian reforzadas”, defendeu. O secretario xeral reclamou “un impulso importante para Galicia a través deses fondos para investimentos”, tamén no campo da enerxía verde, que é, dixo, “fundamental” para a comunidade autónoma.
José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a “loitar dese unha visión progresista xustamente contra os recortes que pretende a dereita que está gobernando a Comisión”. Por outra banda, tamén se referiu ao “uso que fai a Xunta” dos fondos europeos, “que vai ser obxecto de fiscalización por parte do Partido Socialista”, porque se están executando “pouco ou dun xeito inadecuado”.
A preguntas dos medios, o portavoz socialista tamén se referiu ao uso “tan excesivo” que o Goberno de Rueda fai da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, máis coñecida coma lei de acompañamento dos Presupostos. Recordou que, pola contra, durante os anos de goberno de Touriño se eliminou esa norma, que o PP emprega como “unha forma de furtarlle ao Parlamento de Galicia” o debate das leis. “O trámite normal é facer as modificacións lexislativas con luz e taquígrafos na propia Cámara”, afirmou Besteiro, para quen “aproveitar esa lei ómnibus baixo o pretexto de que o Estatuto de Autonomía non comtempla a posibilidade de facer decretos-lei é un burdo argumento”.
O líder do PSdeG defendeu que os cambios normativos se afronten “de un en un” para evitar o “desastre” que supón “estar cambiando as leis constantemente”, con efectos negativos sobre políticas como as de vivenda ou enerxía eólica. “Isto é un totum revolutum”, asegurou respecto dun xeito de lexislar que demostra que o PP “non ten as cousas claras e muda de criterio cada ano”. Por iso, apuntou que “o importante é coordinar os cambios lexislativos a través de modificacións das leis, e non dun só proceso onde se cambian 16, 17 ou 18 leis dun xeito inadmisible”. Ofrecer coma solución a modificación do Estatuto para incluír nel a figura do decreto-lei “é un argumento que non convence a ninguén”, concluíu.