O secretario xeral do PSdeG visitou varios puntos da provincia que desde hai días padecen “unha vaga de lumes devastadora”, entre eles, o concello de Maceda
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse hoxe Ourense para comprobar sobre o terreo a evolución dos incendios forestais que estes días asolan a provincia, onde está declarado o nivel 2 de alerta. Nela sitúanse 11 dos 15 lumes de máis de 20 hectáreas que hoxe permanecen activos en Galicia, segundo os datos oficiais facilitados esta mañá pola Administración autonómica. Especialmente graves son os dous de Chandrexa de Queixa (máis de 5.000 hectáreas arrasadas entre ambos) e Maceda (1.700).
Tras visitar a capital provincial, Besteiro desprazouse ata este último municipio na compaña da deputada Carmen Rodríguez Dacosta, portavoz de política forestal do Grupo Socialista no Parlamento galego, e a deputada Marga Martín, entre outros cargos socialistas. Alí encontrouse coa alcaldesa, Uxía Oviedo, que lle explicou as dificultades coas que se atoparon os equipos responsables da extinción. De feito, onte ela mesma viuse na obriga de abandonar o vehículo no que circulaba na compaña de persoal técnico. As lapas calcinárono despois de que todos os ocupantes lograran fuxir.
O líder socialista lamentou a “vaga de lumes devastadora” que está golpeando con especial intensidade o territorio ourensán. En varios puntos próximos ás zonas queimadas, puido atender as preocupacións da veciñanza. “Estamos a carón das persoas afectadas e dos equipos de extinción, sentindo a súa preocupación e facendo nosa a súa loita contra o lume”, dixo como mostra de solidariedade cara a cidadanía e quen combaten sen descanso as chamas. Nese senso, trasladoulles unha mensaxe de ánimo e recoñecemento aos brigadistas que resultaron queimados no incendio de Oímbra e desexou a súa pronta recuperación, como tamén a de outros compañeiros que resultaron lesionados durante os últimos días mentres desenvolvían o seu traballo.
“Cada hectárea que arde é un anaco de nós que se perde”, destacou o secretario xeral en referencia á importancia do patrimonio natural para os galegos e galegas, e lamentou que as lapas rematen en cuestión de segundos “con montes e biodiversidade que custaron séculos, e tamén con moitos proxectos de futuro”.
Modelo de xestión
A situación “non é só unha traxedia natural: é a consecuencia da emerxencia climática, que provoca incendios máis virulentos e máis próximos ás nosas vilas e aldeas”, dixo. Tamén sinalou “o abandono do rural e a ausencia de políticas de prevención e xestión sostible do territorio” como factores que contribúen a sucesos coma o deste verán. “Ese baleiro é o caldo de cultivo para que o lume avance sen freo”, sinalou.
Con todo, defendeu que mentres continúa a vaga de lumes “é o momento de estar ao lado da xente e poñer todos os medios para protexer e coidar a nosa terra”. A partir de aí, reivindicou “un plan de país, transversal e valente”, co que enfrontar a crise climática e evitar que se volva producir “unha traxedia coma esta”.
Insistiu nesa idea Carmen Rodríguez Dacosta. Para a deputada autonómica, unha vez se supere a situación “de emerxencia”, cómpre analizar o que está acontecendo este verán co lume. A parlamentaria socialista lembrou que o PSdeG “vén reclamando máis recursos humanos e materiais”, así como “un cambio de modelo” na xestión dos incendios forestais.
A alcaldesa de Maceda valorou o compromiso de moitos veciños e veciñas do municipio que en momentos nos que escaseaban medios “quedaron pola noite apagando mentres os forestais atendían noutros puntos”. Uxía Oviedo mostrouse moi agradecida con eles. Tamén destacou que, co paso a situación 2 de alerta, a chegada da UME sumou equipos aos labores de extinción e deu “moita seguridade”.