
O líder dos socialistas galegos mantivo un encontro co movemento veciñal contrario ao recheo do Porto de Baiona e realizou unha visita á festa da Arribada de Baiona
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, salientou hoxe o paralelismo na xestión escurantista e a “absoluta falla de explicacións” do PP co recheo do Porto de Baiona e o acordo segredo de Altri coa Xunta para construír unha macrocelulosa en Palas de Rei. O líder dos socialistas galegos acusou ao PP de gobernar sen contar cos veciños e veciñas nin dar explicacións claras.
O responsable socialista mantivo un encontro co movemento veciñal que se está a opoñer á ampliación do porto deportivo da vila co que pretenden “cambiar para sempre” a liña de costa de Baiona sen ofrecer explicacións. Lembrou que esta actuación ten un procedemento xudicial aberto polas denuncias do movemento veciñal e o goberno galego negouse a remitir a documentación que lle requiriu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por segunda vez consecutiva.
Besteiro sinalou que os socialistas levarán ao Parlamento esta “causa xusta” para esixir que as obras “non avancen sen protección nin preservación medioambiental” nunha actuación en defensa dos veciños e veciñas que “non desexan a obra nin o modelo turístico que lles están a impoñer”. Os socialistas galegos esixiranlle ao goberno galego que explique no Parlamento os criterios do recheo e que entreguen a documentación que lle require a xustiza.
O responsable socialista mantivo un encontro coa Plataforma de veciños Salvemos Santa Marta -actualmente Movemento Veciñal MoVe Baiona- onde advertiu do paralelismo na xestión deste recheo de 4.200 metros cadrados co escurantismo co que xestionou o proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei. Besteiro esixiulle hoxe de novo ao presidente da Xunta que dea carpetazo definitivo ao proxecto da pasteira que Galicia “nin quere nin necesita”.
Aludiu así á decisión do TSXG estimando o recurso de Adega sobre a decisión da Xunta de reducir a protección dunha zona incluída en Rede Natura en Palas de Rei para permitir a instalación da macrocelulosa, que deixa ben claro que o goberno galego non pode quitar protección ambiental sen explicacións claras. Apuntou no encontro que o tribunal aféalle á Xunta que teñan debilitado a protección ambiental na zona afectada para “allanarlle o camiño” a Altri.
Besteiro lembrou a súa esixencia pública ao presidente da Xunta para que lle dea “carpetazo definitivo” a este proxecto, e advertiu que “moito nos tememos que este empeño por seguir adiante teña que ver cun memorando -entre a empresa e o goberno galego- cuxo contido se nega a facer público”.
Sector eólico
En resposta a preguntas das xornalistas, Besteiro dixo que a “xestión pésima” do sector eólico por parte do goberno galego durante 17 anos ten provocado que Galicia pasara de ser líder a ocupar a quinta posición na produción de renovables. Criticou que o goberno galego leve todo este tempo dando “paus de cego” acumulando ata 14 modificacións da lexislación eólica coa que o único que conseguiron foi o “parón eólico” en Galicia.
Besteiro respondeu así á advertencia da patronal eólica, que sinala que lo levantamento da suspensión cautelar da Lei de Acompañamento que afecta ao sector obrigaría a iniciar as repotenciacións dos parques de máis de 25 anos. O líder dos socialistas galegos puntualiza que é consecuencia da “falla de planificación” por parte do goberno galego, e esixiu “máis planificación, máis traballo e orde nun sector que debera ser punteiro” en Galicia.
Arribada
Así o dixo antes de visitar xunto co portavoz socialista no Concello, Carlos Gómez Prado, a parlamentaria Elena Espinosa e concelleiros socialistas en Baiona o casco histórico e os postos da Festa da Arribada de Baiona, que se celebra o primeiro fin de semana de marzo para conmemorar a chegada da carabela La Pinta logo da primeira viaxe de Colón a América.
O responsable socialista salientou que a festa supón unha “cita obrigada para a veciñanza de Baiona e para tódolos galegos e galegas que visitamos a vila estes días”. Apuntou que a conmemoración “forma parte da identidade de Galicia e da historia común de tódolos españois” e supón un impacto económico “evidente” na hostalería e o comercio local.