O portavoz socialista instou ao presidente da Xunta a demostrar a suposta débeda de 2.500 millóns e a que a reclame nos tribunais. “Non o fará, porque nada hai -afirmou-, pero mentres tanto afoga aos concellos e ás persoas dependentes”
Besteiro advertiu de que, fronte á pasividade da Xunta, “os que si poden denunciar son os concellos, porque é a Xunta quen incumpre a lei”. E engadiu: “E sabe que? Nós seremos coherentes e tamén os apoiaremos se o fan”
O líder socialista lembrou que hai concellos asfixiados que destinan ata o 25% dos seus orzamentos ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). “Só neste 2024 os municipios destinaron 350 millóns de euros a un servizo que, por lei, non deberían estar financiando eles
O portavoz do Grupo Parlamentario socialista, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe no Parlamento que Alfonso Rueda está enganando á cidadanía galega cunha mentira sobre unha suposta débeda de 2.500 millóns de euros do Estado con Galicia pola Lei de Dependencia, mentres asfixia aos concellos e pon en risco a atención a milleiros de persoas.
“Vostede leva meses dicindo que o Estado debe 2.500 millóns de euros a Galicia pola Lei de Dependencia. Pois se está tan convencido, por que non o reclama nos tribunais?”, preguntoulle Besteiro. “Se eu fose presidente da Xunta e estivera seguro de que Galicia ten pendente esa débeda, créame, estaría xa no xulgado”, engadiu.
O portavoz socialista retou a Rueda a pasar das palabras aos feitos: “Demostre con feitos o que di: denuncie. E se ten razón, apoiarémolo. Pero xa sei o que vai pasar: non o vai facer, porque non é certo. E se é certo e non denuncia, entón é vostede cómplice dun fraude”.
“Os concellos están afogados e non van poder seguir prestando o SAF”
Besteiro advertiu de que o verdadeiro problema da dependencia en Galicia é que “os concellos están afogados e non van poder seguir prestando o Servizo de Axuda no Fogar” (SAF) porque non poden seguir adiantando os cartos á Xunta.
“Son 26.000 persoas usuarias en Galicia e moitas están a piques de quedar sen atención”, advertiu. “Por que? Porque vostede xoguetea cos cartos públicos e busca escusas para non facer o que lle corresponde: financiar o servizo como marca a lei”.
Lembrou que “os concellos son responsables de xestionalo, pero a Xunta e o Estado deben pagalo pero a realidade é que están asumindo a maior parte do diñeiro, en moitos casos máis da metade, mentres a Xunta é a que menos achega”.
“De cada 24 euros que custa o servizo, a Xunta só paga 5 cos seus fondos propios. Os concellos galegos están soportando 350 millóns de euros anuais que lles correspondería poñer á vostede”, sinalou.
Besteiro puxo exemplos concretos: “En Vilalba, o 25% do orzamento municipal vai ao SAF, e en Xermade está case no 40%. É imposible xestionar un concello así. E vostede sábeo”.
O portavoz socialista advertiu de que, fronte á pasividade da Xunta, “o que si pode pasar é que sexan os concellos os que denuncien á Xunta por incumprir a lei”.
E engadiu: “E sabe que? Nós seremos coherentes e tamén os apoiaremos se o fan. Estaremos ao seu lado. Porque a verdade deste asunto é moi simple: vostede incumpre, os concellos pagan o que non lles corresponde e os usuarios do SAF están en risco de perder o servizo pola súa culpa”.
“A Xunta está poñendo en perigo a atención ás persoas dependentes”
Besteiro lembrou que Galicia é unha das comunidades máis desiguais do Estado: “A riqueza media por fogar é un 13% menor que a media das comunidades autónomas, e o 1% da poboación concentra o 29% desa riqueza. En Galicia temos pouca riqueza e está cada vez peor repartida. Os que máis teñen, teñen moito máis ca o resto”.
Nesa liña, acusou a Rueda de “baixarlle impostos aos máis ricos —a ese 1% que ten o 29% da riqueza— mentres non cumpre coa lei e deixa sen financiamento un servizo esencial”. “Lonxe de corrixir a desigualdade, vostede fai que quen máis precisa dos servizos públicos sexa quen máis sofre”, sentenciou.
Besteiro concluíu a súa intervención cunha mensaxe: “Vostede incumpre, os concellos pagan o que non lles corresponde e os usuarios do SAF están en risco de perder o servizo pola súa culpa. Así que, señor Rueda… pague ou denuncie. O resto é unha estafa”.