O secretario xeral do PSdeG defende que a comunidade autónoma ten “singularidades especiais”, coma a dispersión poboacional, o avellentamento, a perda de habitantes e incluso o idioma, que deben ser atendidas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe en Ferrol que Galicia ten “singularidades especiais” que deben ser atendidas á hora de fixar un sistema de financiamento. Entre elas, citou a dispersión poboacional, o avellentamento e a perda de habitantes, “pero tamén o noso idioma, que ten que ser valorado e considerado”.
En resposta a preguntas dos medios, tras a inauguración oficial da nova avenida das Pías, na cidade naval, o líder socialista lamentou a posición do PP respecto deste asunto. “Nós reivindicamos un financiamento que responda ás necesidades de Galicia, pero o que non sabemos aínda é que tipo de financiamento quere a Xunta”, sinalou.
Besteiro criticou que o Goberno de Rueda “só estea en contra, aínda que non se saiba moi ben de que, porque ás veces di unhas cousas e outras dá a calada por resposta”. “Financiamento singular si, porque Galicia ten singularidades que teñen que ser atendidas”, insistiu, e subliñou que os fondos que o Estado destine a ese fin deben ser “suficientes e solidarios entre todas as comunidades”. “Iso é o que defendemos os e as socialistas en Galicia é tamén é o que defendemos para toda España”, concluíu.