
O líder dos socialistas galegos sinala que a participación da Comunidade Autónoma no certame constitúe unha “oportunidade perdida” polo goberno galego, que centraliza o stand de Galicia “gris” e deixa fóra a moitos concellos galegos pequenos e medianos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe unha Galicia “aberta ao mundo, diversa e chea de potencial” para atraer visitantes e investimento. O líder dos socialistas galegos visitou hoxe o stand de Galicia en Fitur, a principal feira de turismo de España, na que lamentou a “oportunidade perdida” polo goberno galego para aproveitar a proxección internacional do certame para ofrecer unha imaxe “chea de cor e de posibilidades”.
Besteiro sinalou que Fitur constitúe “unha oportunidade estratéxica para presentar unha Galicia con cor, con identidade propia e con capacidade que non debera desaproveitarse cun modelo pechado”, senón aproveitar para “amosar unha Galicia aberta ao mundo, diversa e chea de potencial”. Sinalou que Galicia debe aproveitar esta “oportunidade inigualable” para presentarse como “líder en turismo sostible e de calidade”.
Explicou que “temos os enclaves, temos a paisaxe, temos a gastronomía e temos infinitas posibilidades para ofrecer unha Galicia de cor”, afastada do formato “pechado e con cores grises” escollido polo goberno galego que da imaxe dun país “máis pechado e menos accesible, afastado do dinamismo e das oportunidades que ofrece o conxunto do territorio”.
Lamentou que o goberno galego estea “máis preocupado por capitalizar o stand coa imaxe institucional que non representa á Galicia diversa, aberta e plural que queremos amosar ao mundo” e que aparta a numerosos concellos que quedaron sen espazo
Reclamou un reparto máis equitativo que garanta a participación dos concellos pequenos e medianos, que merecen aproveitar a proxección internacional da feira, e que desta volta tiveron que buscar acubillo e visibilidade no stand de Turespaña, como foi o caso das alcaldesas dos concellos da Costa da Morte.