O líder dos socialistas defendeu o esforzo inversor do Goberno de Pedro Sánchez e o traballo de Ángel Mato desde a alcaldía para que Ferrol recuperase o seu pulo
Puxo como exemplo da “axenda oculta” dos populares a súa xestión no Concello: “Falan de baixar impostos, pero en Ferrol subiron o IBI un dez por cento e o recibo da auga un 40”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe o carácter público de Navantia fronte á “ameaza” de privatización que representa o PP, que vén de aprobar no seu Congreso un programa de venda de empresas públicas. Tras visitar o estaleiro da empresa en Fene, Gómez Besteiro defendeu en Ferrol, xunto co portavoz municipal na cidade naval, Ángel Mato, os investimentos do Goberno de Pedro Sánchez e a propia xestión de Mato á fronte do Concello durante catro anos para que a cidade naval recuperase o seu pulo. E advertiu tamén que esa recuperación está en perigo polas políticas que están desenvolvendo os populares.
Besteiro estivo acompañado na súa visita por representantes públicos e orgánicos do PSdeG, entre eles, a deputada no Congreso Obdulia Taboadela, os deputados autonómicos Patricia Iglesias e Julio Abalde e o secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza.
Gómez Besteiro reafirmou en declaracións aos medios a “defensa do público” que representan os socialistas logo de que o PP aprobara o desmantelamento das participacións públicas, o que “falando de Galicia, supón claramente un aviso de privatización de Navantia. O responsable socialista deu a voz de alarma fronte á “axenda ultra” que o PP e Vox están a poñer enriba da mesa e que ameaza á punta de lanza do sector industrial de Ferrolterra.
Gómez Besteiro lembrou o importante esforzo polo impulso industrial da comarca, que supuxo un investimento de 5.000 millóns de euros, e que se teñen traducido en preto de 11.000 postos de traballo entre directos e indirectos arredor do sector naval. Lembrou que en 2018 “as instalacións estaban practicamente desmanteladas”, e que foron recuperadas grazas ao pulo da industria liderado polo goberno socialista no Estado.
Explicou que “modernizar os estaleiros significa confiar na economía, na industria de Ferrolterra, e sobre todo de confianza no futuro”, que cumpre continuar coa modernización das instalacións e investimentos pendentes como o dique cuberto para garantir a continuidade para as próximas dúas décadas como mínimo.
O responsable socialista insistiu no compromiso dos socialistas galegos para defender a “axenda de investimento e de postos de traballo” do goberno fronte á ameaza da axenda privatizadora do PP de Feijóo e Rueda precisamente cando chegan fondos de inversión “avariciosos” que intentan entrar no sector da seguridade e da defensa.
Puxo como exemplo a xestión do PP local, que dende que asumiu o goberno hai dous anos ten paralizados os proxectos de investimentos iniciados coa alcaldía do socialista Ángel Mato e que agora “non se concretan. O mesmo sucede coa creación de chan industrial ou a aposta pola vivenda pública, mentres no ámbito da fiscalidade “falan de baixar impostos, pero en Ferrol subiron o IBI un dez por cento e incrementaron o recibo da auga nun 40 por cento”.