
O secretario xeral do PSdeG pon ao Butelo como exemplo da capacidade produtiva e da excelencia da Montaña Lucense
Aposta por reforzar a proxección exterior dos produtos diferenciados como motor de desenvolvemento económico
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo hoxe en valor desde A Fonsagrada a forza dos produtos agroalimentarios galegos, destacando a súa capacidade para competir en mercados cada vez máis amplos e para xerar actividade económica no territorio. “A calidade é o que nos diferencia e o que nos permite gañar proxección dentro e fóra”, sinalou.
Neste contexto, Besteiro tomou como referencia o Butelo da Fonsagrada, “un produto que identifica á comarca, que fala do seu saber facer e que representa a capacidade que temos en Galicia para producir con excelencia”. Lembrou que o ano pasado se venderon preto de 20.000 quilos e amosouse convencido de que este ano esa cifra se verá superada, o que reflicte “a fortaleza do sector e a crecente demanda destes produtos”.
O líder dos socialistas galegos subliñou que falar do Butelo é falar da Fonsagrada, pero tamén “da imaxe de calidade que Galicia é quen de ofrecer ao resto de España e ao exterior”. Nese sentido, destacou a importancia de seguir apostando pola promoción e difusión dos produtos agroalimentarios diferenciados, “porque temos máis proxección, somos capaces de producir máis e contamos cun nivel de calidade que nos sitúa nunha posición moi sólida”.
Besteiro referiuse tamén ao contexto dos acordos comerciais internacionais, como Mercosur, defendendo que Galicia debe aproveitar estas oportunidades desde a calidade. “Ser máis competitivos significa vender máis fóra, abrir novos mercados e tamén beneficiarnos do intercambio de produtos con outros territorios”, apuntou, insistindo en que a clave está en reforzar aquilo que nos distingue.
A seguridade dos viaxeiros, prioridade absoluta
A preguntas dos xornalistas sobre a suspensión de servizos ferroviarios, Besteiro situou a seguridade dos viaxeiros como prioridade absoluta. “Cando existen recomendacións técnicas que aconsellan suspender ou limitar un servizo por razóns de seguridade, hai que actuar con responsabilidade e atender esas indicacións”, afirmou.
Nesta liña, reclamou unha mellor coordinación institucional para garantir alternativas de mobilidade cando se producen este tipo de incidencias. “As suspensións baséanse en criterios técnicos e de seguridade, e iso é o primeiro que hai que respectar. Pero tamén é necesario asegurar información clara aos usuarios e activar medidas complementarias”, apuntou.
Lembrou que o transporte por estrada é competencia da Xunta de Galicia, polo que considerou necesario reforzar e complementar os servizos alternativos cando falla a conexión ferroviaria, especialmente en situacións de emerxencia ou adversidade meteorolóxica. “Falamos de garantir a mobilidade das persoas con seguridade, coordinación e responsabilidade institucional”, indicou.
O secretario xeral do PSdeG fixo referencia ás últimas incidencias rexistradas e á necesidade de actuar desde a prudencia, tendo en conta as recomendacións técnicas e as condicións meteorolóxicas, así como de ofrecer respostas eficaces ás persoas usuarias cando se producen interrupcións do servizo ferroviario.