
O comité nacional aprobou unha resolución en defensa do municipalismo e críticou a Rueda por afogar aos concellos con competencias impropias e sen recursos. Acordou encabezar e apoiar aos concellos se levan o SAF ante os tribunais
O secretario xeral reafirmou o ADN feminista do PSdeG e defendeu a actuación do partido ante os casos de presunto acoso sexual, subliñando que se actuou “con celeridade, rigor, transparencia e respectando ás vítimas, os seus tempos e decisións”, sempre conforme á legalidade vixente e aos protocolos do partido
O secretario xeral chamou á unidade do socialismo galego fronte ao ruído e á confrontación estéril, e apelou a centrar os esforzos en ofrecer unha alternativa sólida a un PP “cada vez máis contaminado pola extrema dereita”
Besteiro defendeu unha fiscalidade progresiva e redistributiva “fronte ao dumping fiscal da dereita e o concerto económico que pide o BNG”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe no primeiro Comité Nacional do 2026 ao socialismo galego como “a única forza coherente” na defensa dos valores democráticos, dos dereitos humanos e da igualdade nun contexto internacional e estatal marcado polo avance da extrema dereita e pola deriva reaccionaria que, advertiu, “xa está presente tamén en Galicia”.
O Comité puxo o foco na necesidade dun financiamento autonómico e local xusto, no papel determinante dos concellos como primeira liña de resposta ás necesidades da cidadanía e no maltrato económico que a Xunta do PP exerce de maneira sistemática sobre o municipalismo. Xunto a isto, a organización reafirmou a importancia de seguir sendo un partido que abandera sen ambigüidades o feminismo como eixo político irrenunciable do socialismo galego.
O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, situou estes ámbitos como piares dunha alternativa sólida ao modelo do PP en Galicia, ao que acusou de gobernar de costas ás administracións locais e de utilizar o financiamento como ferramenta de control político, trasladando competencias aos concellos sen os recursos necesarios para asumilas.
No ámbito galego, o líder do PSdeG cargou contra a xestión da Xunta tras 17 anos de gobernos do PP, denunciando o deterioro dos servizos públicos e a incapacidade do Executivo autonómico para dar resposta aos principais problemas da cidadanía. Advertiu do fracaso das políticas de vivenda, cun aumento do 22% no número de persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública, da situación “alarmante” da sanidade, con centos de miles de persoas en listas de espera, e do incumprimento sistemático da lei de dependencia, con atrasos que chegan a rozar o ano.
Neste contexto, Besteiro criticou que Rueda aprobase en solitario os orzamentos da Xunta para 2026, “sen diálogo nin vontade de acordo”, consolidando un modelo que, ao seu xuízo, “amplía as desigualdades e protexe privilexios”. Tamén acusou ao Goberno galego de carecer dunha verdadeira política industrial e de ter apostado como único proxecto estrela pola macrocelulosa de Altri, “que Galicia nin quere nin necesita”.
En materia de financiamento autonómico, o secretario xeral socialista defendeu que Galicia debe exercer o seu autogoberno con ambición e responsabilidade e sinalou que, tras trece anos cun modelo caducado, hai agora enriba da mesa unha proposta de carácter federal, constitucional e solidaria que podería supor preto de 600 millóns de euros máis para Galicia. Fronte a iso, reprochou a Rueda que rexeite unha mellora clara para o país “seguindo o guión de Feijóo, aínda que iso prexudique directamente aos galegos e galegas”.
O líder socialista criticou que o PP fale de defensa de Galicia mentres bloquea unha mellora clara do financiamento, renunciando a máis recursos e a maior capacidade fiscal por puro interese partidista. “Dicen querer máis cartos para Galicia, pero cando chega unha proposta concreta, din que non”, advertiu.
Besteiro marcou tamén distancias co BNG, ao lembrar que a súa aposta polo concerto económico carece de cláusulas de solidariedade e suporía unha perda de recursos para Galicia. Fronte a iso, defendeu un modelo que combine autogoberno, corresponsabilidade fiscal e redistribución, garantindo servizos públicos de calidade para toda a cidadanía, viva onde viva.
Compromiso socialista inequívoco co feminismo
No plano orgánico, o líder socialista reafirmou o compromiso feminista do PSdeG e defendeu a actuación do partido ante os casos de presunto acoso sexual coñecidos en Galicia, subliñando que se actuou “con celeridade, rigor, transparencia e respecto absoluto ás vítimas”, sempre conforme á legalidade vixente e aos protocolos internos do partido. Besteiro insistiu en que a prioridade do PSdeG é a protección das vítimas, o respecto aos seus tempos e á súa vontade, así como a garantía de procedementos xustos que fagan convivir todos os dereitos, sen excepcións.
Explicou que, nos casos nos que se tivo coñecemento formal de denuncias, o partido actuou de maneira inmediata, esixindo responsabilidades políticas e orgánicas en cuestión de horas, coordinándose coa dirección federal e retirando sempre o foco público das vítimas. “Non miramos para outro lado, actuamos cando había que actuar e como había que facelo”, afirmou.
Besteiro advertiu tamén contra o uso espurio e interesado destas situacións, que -dixo-“perverte o sentido das canles de protección, dana ás vítimas, vulnera dereitos fundamentais e acaba facendo un enorme dano ao propio feminismo”. Neste sentido, defendeu que o PSdeG foi a forza política que tivo a valentía de abrir un debate interno sobre o machismo e de dotarse dunha canle específica para denunciar o acoso de forma segura, algo que outras formacións “nin fixeron nin están dispostas a facer”.
Ao mesmo tempo, denunciou o dobre raseiro do PP, ao lembrar que Alfonso Rueda ocultou durante meses unha denuncia penal contra un conselleiro por agresión sexual sen adoptar ningunha medida, nun caso que acabou cun cesamento “entre aplausos”. “Resulta inaceptable que quen calou e mirou para outro lado pretenda agora dar leccións ao Partido Socialista”, advertiu.
Besteiro insistiu en que o compromiso feminista do PSdeG é “inegociable” e que o partido seguirá actuando con firmeza fronte a calquera comportamento machista, pero tamén con responsabilidade, legalidade e respecto escrupuloso ás vítimas. “Aquí non hai ambigüidades nin cálculos políticos: hai principios, hai procedementos e hai unha vontade clara de facer as cousas ben”, concluíu.
Finalmente, o secretario xeral chamou á unidade do socialismo galego fronte ao ruído interno e á confrontación estéril, e apelou a centrar o esforzo político en ofrecer unha alternativa sólida a un PP “cada vez máis contaminado pola extrema dereita”. “Galicia precisa dun socialismo unido, con valores claros e políticas útiles para a maioría social”, concluíu, reivindicando ao PSdeG como a forza capaz de defender dereitos, igualdade e democracia nun momento clave para o futuro do país.
Aprobada resolución de apoio aos concellos sobre financiamento local
No marco do Comité Nacional do PSdeG, a militancia aprobou unha resolución en defensa do municipalismo e dun financiamento local xusto, na que se denuncia o traslado sistemático de competencias da Xunta aos concellos sen os recursos necesarios para asumilas. Besteiro advertiu de que esta práctica está a provocar unha situación “estruturalmente insostible” nas administracións locais, cun impacto económico estimado en arredor de 700 millóns de euros anuais, segundo a Fegamp.
A resolución pon especial énfase no abandono do Servizo de Axuda no Fogar, que atende a máis de 25.000 persoas en Galicia, e reafirma o compromiso do PSdeG de apoiar aos concellos, incluída a posibilidade de respaldar iniciativas xudiciais, para esixir á Xunta que cumpra coa súa obriga legal de financiamento e abra dunha vez unha negociación real sobre o financiamento local.