O secretario xeral abordará con Salvador Illa os avances do grupo de traballo entre socialistas galegos e cataláns, que ambos constituíron en xullo
Entre mañá e o venres, desenvolverá unha intensa axenda de encontros con entidades dos ámbitos empresarial, social e da cultura, e dará o pregón do San Froilán barcelonés, no distrito de Nou Barris
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, viaxará mañá a Barcelona co fin de darlle continuidade ao grupo de traballo PSdeG-PSC, que tanto el coma o primeiro secretario dos socialistas cataláns, Salvador Illa, puxeron en marcha o pasado xullo. Besteiro devolve así a visita a Galicia do tamén presidente da Generalitat, co que manterá un encontro.
A creación do grupo de traballo estableceu un marco de colaboración permanente entre os socialistas galegos e cataláns para compartir propostas e experiencias en materia de vivenda, lingua, autogoberno, políticas sociais e desenvolvemento autonómico. Tal e como explicou Besteiro, servirá tamén para poñer en valor un modelo de país compartido.
O líder socialista aproveitará a súa estancia na capital catalá para reunirse con representantes de diferentes entidades, tanto do eido empresarial coma do social ou o cultural. Dentro da intensa axenda que ten previsto desenvolver, están sinaladas tamén xuntanzas de traballo relacionadas con temas centrais do programa político do PSdeG, como son a vivenda, a lingua, a emigración, o desenvolvemento do rural e o reforzo dos servizos públicos.
Por outra banda, José Ramón Gómez Besteiro dará o venres o pregón das festas de San Froilán, en Nou Barris, tras aceptar a invitación da comunidade galega en Barcelona, que organiza a celebración. Nou Barris é un dos distritos que concentra maior número das preto de 60.000 persoas nacidas en Galicia que residen na cidade.