O líder do PSdeG defende un modelo de financiamento singular, suficiente e solidario para a cidadanía, viva onde viva, fronte ao da confrontación co Estado de Rueda e Feijóo
Di alto e claro: “Xestionan mal. Deixan fondos sen executar, pero son os do bonogoberno: cada problema, un bono; cada crise, propaganda”
Sinalou que mentres a comunidade está a recibir máis recursos ca nunca do Goberno central, os servizos públicos son deficientes “porque Rueda decidiu que Galicia non merecía máis”
O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este mediodía no Parlamento a necesidade de que Galicia conte cun modelo de financiamento autonómico propio, adaptado á súa realidade, que garanta servizos públicos de calidade en igualdade para toda a cidadanía. “Galicia necesita un financiamento singular, suficiente e solidario. Non é só unha cuestión de contas: é unha cuestión de futuro, de garantir a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou a vivenda pública”, afirmou.
Besteiro insistiu en que Galicia non pode seguir quedando atrás e puxo sobre a mesa a proposta dos socialistas: un modelo que recoñeza o envellecemento, a dispersión, a despoboación e a lingua propia como factores que deben influír no reparto de recursos. “Se vostede defende iso, benvido ao modelo de financiamento singular que propoñemos os socialistas”, afirmou. “Se tamén quere garantir servizos públicos en igualdade e acceso aos fondos de solidariedade, pois benvido ao noso modelo: singular, suficiente e solidario”.
O líder socialista reprochou a falta de iniciativa da Xunta nun momento clave, no que se abre a porta á reforma do modelo de financiamento a nivel estatal. “O presidente Rueda volveu esconderse. Non comparece el para explicar cal é o modelo que defende. E mentres Galicia se xoga os recursos cos que garantir os servizos públicos, vostedes dedícanse á confrontación”, advertiu.
Besteiro tamén criticou a decisión da Xunta de rexeitar a proposta do Goberno central para condonar 4.010 millóns de euros da débeda galega. “Era unha oportunidade para aliviar débeda e construír un novo modelo máis xusto. Pero vostedes preferiron dicir que non, porque o que importa non é Galicia, senón seguir a estratexia de Feijóo en Madrid”.
Ao fío do debate sobre o teito de gasto, o secretario xeral do PSdeG cualificou de “papel mollado” a proposta da Xunta, “porque levan anos incumpríndoo cando lles interesa. Como os pementos de Padrón: uns pican e outros non”.
A realidade, segundo Besteiro, é que a Xunta “xestiona mal”, e así o reflicten os informes oficiais. “Non o dicimos nós. Díxoo o Consello de Contas e díxoo a AIReF”, lembrou. A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal advertiu á Xunta por triplicar o gasto permitido por lei, sen melloras para a cidadanía, e polos efectos negativos das rebaixas fiscais aos que máis teñen. “Mentres a AIReF lles advirte, vostedes miran para outro lado”.
Besteiro tamén sinalou que Galicia segue a perder fondos por falta de execución: só se empregou o 51% dos fondos europeos, segundo o Consello de Contas. “E nas provincias do interior, como Lugo ou Ourense, os fondos para corrixir desequilibrios territoriais foron cero euros. Cero”, subliñou. “E iso é abandonar á Galicia que máis apoio precisa”.
Por último, acusou á Xunta de afogar aos concellos ao non transferir os fondos que lles corresponden. “Son os concellos os que están mantendo os servizos sociais, a cultura, a vivenda. Porque vostedes reteñen fondos e racanean co que é deles”, dixo.
“Galicia non está así porque non poida estar mellor. Está así porque vostedes decidiron que non merecía máis”, concluíu Besteiro. “Pero nós si cremos que Galicia merece máis. Merece un goberno que loite por cada euro, que invista cada recurso en mellorar a vida da súa xente, que pense no benestar da maioría e non nas instrucións que veñen de Génova”.