
O secretario xeral do PSdeG rebate o balance triunfalista do presidente da Xunta con datos de vivenda, sanidade e dependencia
Besteiro considera “paradigmático” que o presidente fale de reindustrialización apenas dous días despois de que á Xunta non lle quedause outra que arquivar o expediente de Altri en Palas de Rei
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “se poña a traballar xa” e asegurou que “Altri é o último exemplo dunha Galicia sen rumbo nin proxecto baixo o seu mando”, en resposta ao balance triunfalista realizado polo titular do Executivo autonómico ao cumprirse dous anos do seu mandato.
Besteiro sostén que a Galicia real desmonta o relato optimista presentado polo presidente. Preto de 30.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública; máis de 350.000 agardan por unha cita sanitaria e arredor de 50.000 por unha intervención cirúrxica. En dependencia, máis de 16.000 persoas continúan á espera dunha resolución, con demoras superiores aos 300 días.
Para o líder socialista, estas cifras non avalan a autocompracencia da Xunta. “Tradúcense en atrasos na emancipación da mocidade, en presión constante nos centros de saúde e en demoras excesivas no sistema de dependencia. Esa é a situación real do país”, afirmou.
Besteiro sinalou que o arquivo do proxecto de Altri evidencia “improvisación, falta de planificación e unha política industrial baseada máis no anuncio que na execución”. Ao seu xuízo, o Goberno galego xerou expectativas, confrontación social e incerteza territorial para acabar sen proxecto e sen alternativa clara. “Non se pode falar de reindustrialización mentres se acumulan proxectos fallidos e ausencia de folla de ruta”, advertiu.
O secretario xeral do PSdeG insistiu en que dous anos de mandato deben medirse polos resultados efectivos e non pola reiteración de anuncios nin pola anticipación de campañas electorais. “Se a realidade desminte o balance, o que corresponde é asumir responsabilidades e actuar”.
O líder socialista incidiu en que os datos oficiais en vivenda, sanidade e dependencia “non avalan” o discurso do presidente. “O balance que presenta a Xunta non se corresponde coa realidade que reflicten as cifras”, advertiu.