O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista vinculou a gravidade dos incendios co abandono histórico do rural: “O monte está sen xestión, cheo de combustible, cada ano máis. Os núcleos rurais están abandonados, sen servizos, sen apoio. A Galicia interior morre, porque a deixan morrer”
Besteiro denunciou que Rueda tardou doce días en dar a cara “con Ourense enteiro en emerxencia 2 e tres bombeiros no hospital”, e acusouno de actuar baixo a tutela de Núñez Feijóo: “Papá Feijóo fala en Galicia e o día 15 todas as CCAA do PP piden máis medios ao Goberno. Iso é poñer a Galicia por debaixo de Feijóo”
Reprochoulle tamén ao presidente da Xunta que, ao mesmo tempo, “está nunha guerra de guerrillas que o leva a rexeitar a maior condonación de débeda que se ten formulado na historia do país”, 4.010 millóns de euros que se nega a aceptar para facer “seguidismo” de Feijoo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu hoxe no Parlamento a dimisión inmediata de Alfonso Rueda tras a súa “incompetencia” e “abandono das responsabilidades” durante a vaga de incendios que devastou Galicia este verán.
Besteiro abriu a súa intervención cunha lembranza ás persoas que perderon as súas casas e vidas enteiras arrasadas polo lume: “Hai quen perdeu as súas casas, e todos os restos dunha vida. A todos e todas elas, o noso maior afecto e o noso compromiso de persistir en que se mude a política necesaria para que non volva a suceder”. Ao mesmo tempo, quixo recoñecer o traballo de brigadistas, bombeiros, emerxencias, militares, voluntarios e cidadanía: “Non hai verbas que expresen a admiración e o agradecemento suficiente. Este é un bo exemplo de quen si defende con orgullo o país”.
O líder socialista foi directo: “Señor Rueda, vostede fracasou. E unha evidencia que xa non é discutible. Todo aquilo que dependía de vostede amosouse incompleto, a medias, ineficiente ou abandonado. Non gobernou. Abandonou as súas responsabilidades. Vostede debe marcharse. Galicia non pode permitirse unha nova traxedia”.
Besteiro denunciou que Rueda tardou doce días en dar a cara “con Ourense enteiro en emerxencia 2 e tres bombeiros no hospital”, e acusouno de actuar baixo a tutela de Núñez Feijóo: “Papá Feijóo fala en Galicia e o día 15 todas as CCAA do PP piden máis medios ao Goberno. Iso é poñer a Galicia por debaixo de Feijóo”.
Ademais, lembrou que o Parlamento aprobou en 2018 un total de 123 medidas para a prevención de incendios que a Xunta nunca aplicou. “O resultado é que Galicia se enfronta hoxe a lumes de comportamento extremo coa mesma falta de planificación e de prevención que hai 7 anos”, advertiu. “Con menos brigadistas, con prazas sen cubrir e con millóns bloqueados desde xaneiro, o balance da Xunta é un fracaso que se converte no mellor aliado dos incendios”.
Besteiro puxo tamén o foco na orientación equivocada da política forestal: “Persistir nas coordenadas actuais do Plan non é un erro: é, directamente, homicida”. Denunciou que, mentres ardían xoias naturais como Pena Trevinca, o Courel, a Enciña da Lastra ou o Xurés, a Xunta centrouse en alimentar o “falso relato dos pirómanos, agora xa con pulseira marca Feijóo”.
O socialista criticou con dureza as declaracións de Rueda minimizando os danos: “Dixo que tampouco fora para tanto, que boa parte do que ardeu era matogueira, monte baixo ou pedras. Deben estar nas academias da biodiversidade e nas altas aulas da Bioloxía vendo como premiar semellante análise dos danos do lume. Só lle faltou dicir que, ademais, a maior parte das hectáreas queimadas eran da provincia de Ourense”.
Tamén acusou a Xunta de manipular a información e usar a Televisión de Galicia como instrumento de propaganda: “Cos telexornais acontece como co papel: aguantan todo o que se lles bote. A TVG foi usada como medio particular do PP e non como servizo público nestas tráxicas semanas”.
Besteiro vinculou a gravidade dos incendios co abandono histórico do rural: “O monte está sen xestión, cheo de combustible, cada ano máis. Os núcleos rurais están abandonados, sen servizos, sen apoio. A Galicia interior morre, porque a deixan morrer”. Denunciou que a Xunta recorta servizos, pecha escolas, retira médicos e deixa morrer á Galicia interior, favorecendo un territorio cada vez máis despoboado e indefenso ante os lumes.
Na súa conclusión, o líder socialista foi contundente: “Intentou enganar coa prevención, non soubo xestionar a crise, utilizouna para os mandatos do seu partido e non entende ningunha aprendizaxe para o futuro. Vostede é responsable. Vostede fracasou. Vostede debe marcharse. Galicia non pode permitirse unha nova traxedia”.
“Máis prevención, máis brigadistas e menos cavar fosas”
José Ramón Gómez Besteiro afondou no problema dos incendios durante a súa intervención na posterior sesión de control ao Goberno. O voceiro socialista destacou que, fronte ao fracaso en políticas do PP, os servizos públicos evitaron que o desastre fose aínda peor. Nese senso, advertiu que rexeitar a condonación de 4.010 millóns de euros de débeda que propón o Goberno sería facer “seguidismo” de Feijóo , “do que vostede é a sombra negra”, por motivos partidistas, ademais de renunciar a dedicar eses fondos a previr o lume, “entre outras cuestións”. De feito, o ano que vén dedicaranse máis de 1.700 millóns a débeda. “Máis prevención, máis brigadistas e menos cavar fosas”, reclamoulle Besteiro a Rueda.