

Besteiro explicou que na tarde de onte unha muller presentou unha denuncia por acoso laboral contra o alcalde de Barbadás, en represalia, segundo dixo, por ter denunciado previamente unha situación de acoso sexual atribuída a un exconcelleiro
O PSdeG provincial atendeu onte pola tarde a denuncia desta persoa e das súas testemuñas, e a propia vítima referendó tamén os feitos a través da canle interna contra o acoso do partido
Ao tratarse do órgano inmediatamente superior afectado, o partido provincial en Ourense reunirase hoxe mesmo para recabar os testemuños das persoas implicadas e depurar responsabilidades “ata o final”, como xa se actuou no caso de Lugo. Neste contexto, o partido solicitaralle ao denunciado que abandone tanto os seus cargos institucionais como orgánicos.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou hoxe a súa intervención ante os medios reiterando todo o apoio, afecto e solidariedade do Partido Socialista ás vítimas de acoso, “estean onde estean e sexan quen sexan”, e animou de novo a calquera vítima a denunciar, subliñando de novo que “é a denuncia a que activa todo o proceso que nos permite actuar”.
Besteiro explicou que na tarde de onte unha muller presentou unha denuncia por acoso laboral contra o alcalde de Barbadás, en represalia, segundo dixo, por ter denunciado previamente unha situación de acoso sexual atribuída a un exconcelleiro. O PSdeG provincial atendeu onte pola tarde a denuncia desta persoa e das súas testemuñas, e a propia vítima refrendó tamén os feitos a través da canle interna contra o acoso do partido.
Co coñecemento da denuncia por parte da vítima directamente, o PSdeG activou de forma inmediata o protocolo, do mesmo xeito que xa se fixera a semana pasada noutro caso. Ao tratarse do órgano inmediatamente superior afectado, o partido provincial reunirase hoxe mesmo para recabar os testemuños das persoas implicadas e depurar responsabilidades “ata o final”, como xa se actuou no caso de Lugo. Neste contexto, o partido solicitaralle ao denunciado que abandone tanto os seus cargos institucionais como orgánicos.
“O PSdeG é un partido con tolerancia cero fronte ao acoso e o único que actúa con rapidez e contundencia”, afirmou Besteiro, quen lembrou que o respecto á vítima e a preservación absoluta do seu anonimato son unha prioridade irrenunciable. Nese sentido, insistiu que baixo ningún concepto “nunca porá o foco sobre a vítima e nunca facilitará información que poida permitir a súa identificación porque hai que respetar os tempos da vítima”.
O secretario xeral lembrou, en relación co caso de Lugo que, conforme á lei, é necesaria a denuncia por parte da propia vítima para poder actuar, e subliñou que sempre se animou a que esa denuncia se formalizase precisamente para activar os mecanismos de actuación.
A preguntas dos xornalistas e en relación co manifesto feito público nos últimos días, Besteiro expresou o seu respecto á liberdade de expresión e afirmou compartir moitas das cuestións que nel se recollen. Non obstante, lembrou que desde que o partido tivo coñecemento da denuncia canalizada contra José Tomé, o PSdeG actuou “con prudencia, pero tamén con rapidez e contundencia”, evitando en todo momento poñer o foco sobre a vítima.
Besteiro lembrou que o presunto acosador abandonou o partido en menos de 24 horas, que se seguiron os protocolos de maneira “absolutamente escrupulosa” e que a dirección explicou con detalle o proceso tanto á militancia como aos órganos internos do partido.