

O líder socialista traslada aos grupos parlamentarios unha proposta para que a Cámara galega reclame o cesamento das hostilidades en Oriente Medio, aposte pola vía diplomática e exprese a solidariedade coas vítimas civís
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo chegar aos grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional en defensa da paz, do dereito internacional e contra a guerra, nun momento marcado pola escalada militar en Oriente Medio e pola preocupación internacional ante as súas consecuencias.
A iniciativa busca que o Parlamento galego fixe unha posición clara ante un conflito que pode ter repercusións globais, lembrando que as guerras nunca son unha realidade distante: detrás delas hai vidas humanas, cidades destruídas, familias obrigadas a fuxir e unha inestabilidade que acaba afectando tamén ao conxunto da economía mundial.
O texto lembra ademais que a historia recente ofrece leccións que non deberían esquecerse. Guerras iniciadas fóra do marco do dereito internacional e sen o respaldo da comunidade internacional non resolveron os conflitos, senón que en moitos casos agravaron a violencia, aumentaron a inseguridade e provocaron crises humanitarias de gran magnitude.
Neste sentido, a proposta fai referencia á guerra de Iraq, iniciada hai pouco máis de dúas décadas, presentada naquel momento como unha intervención necesaria e que co paso do tempo acabou sendo unha das decisións máis cuestionadas da política internacional recente. Para os socialistas galegos, Europa e tamén España deben actuar con responsabilidade e aprender das leccións da historia para non repetir erros que tiveron consecuencias tan graves para a paz e para a seguridade global.
A declaración tamén fixa unha posición clara respecto da situación interna de Irán. O texto repudia o réxime iraniano pola represión e pola vulneración dos dereitos fundamentais da súa propia cidadanía, especialmente das mulleres, ao tempo que defende que a resposta ao actual conflito non pode ser militar, senón diplomática e política.
A proposta lembra que cando se rompe a legalidade internacional quen máis sofre é sempre a poboación civil, e advirte de que os conflitos armados teñen tamén consecuencias económicas que acaban chegando á vida diaria da cidadanía, desde o aumento do prezo da enerxía ata a incerteza económica que afecta ás familias.
Os sete puntos da declaración
A proposta remitida aos grupos parlamentarios formula que o Parlamento de Galicia:
Reclame a Estados Unidos, Israel e Irán o cesamento inmediato das hostilidades antes de que o conflito alcance dimensións aínda máis graves.
Repudie o réxime de Irán, responsable da represión e da vulneración dos dereitos fundamentais da súa cidadanía, especialmente das mulleres.
Defenda que a única saída posible ao conflito debe ser diplomática e política, baseada no respecto ao dereito internacional.
Reafirme o principio democrático de “NON Á GUERRA”.
Exprese a solidariedade do pobo galego coas vítimas civís e con todas as persoas que están a sufrir as consecuencias da violencia.
Apoie a posición do Goberno de España e os seus esforzos diplomáticos, así como os da Unión Europea e da comunidade internacional para lograr unha desescalada.
Respalde o envío dunha fragata a Chipre para contribuír á defensa e estabilidade da zona.
A proposta conclúe lembrando que Galicia sempre foi unha terra que apostou pola convivencia e polo entendemento entre pobos, e que nun contexto internacional como o actual é necesario dicilo con claridade: “ A paz non é unha idea abstracta, senón unha responsabilidade política e moral que interpela a toda a sociedade”.