O secretario xeral do PSdeG reclamoulle a Rueda que poña en marcha unha estratexia ambiciosa como xa están a facer Cataluña e o País Vasco coas súas linguas propias
O portavoz do Grupo Socialista lamentou que o PP “negue a evidencia” que sinala o Consello de Contas sobre o problema da saúde mental: “A realidade é dramática”
“Saquemos o galego fóra non só do ámbito familiar, da docencia, da escola… Saquémolo ao mundo dixital, da intelixencia artificial, como ponte para a mocidade”. Foi a proposta que hoxe formulou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fronte ao “pouco impulso” que lle dá a Xunta á lingua. Nun momento no que o uso do idioma propio de Galicia está no seu punto máis baixo da historia, o líder socialista sinalou a necesidade de fomentalo especialmente entre a mocidade, xusto o sector da poboación no que menos se emprega. “Na dixitalidade é onde a xente nova o vai usar e o vai compartir”, apuntou.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento autónomo visitou esta mañá o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citic) na compaña da deputada de cultura, Silvia Longueira; o secretario de Acción Territorial e Formación do PSdeG, Aitor Bouza, e o secretario de Innovación, IA e Transformación Dixital, Francisco Cardama. Fíxoo con motivo da celebración, mañá, do Día das Letras, para coñecer de primeira man, entre outras, as iniciativas que o centro, dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva a cabo no campo da tecnoloxía da lingua. “Proxectos coma os que se están desenvolvendo aquí son fundamentais e hoxe tamén se están mantendo co impulso de axudas do Estado”, explicou.
Desde un centro “de referencia non só en Galicia, senón en España e Europa”, reivindicou a defensa do galego ante o “déficit de falantes e de protección”, e instou a facela “con orgullo desde a propia Administración”. “A Xunta debe ampliar a súa estratexia para desenvolver a utilización do galego desde o marco da tecnoloxía e do futuro”, subliñou como clave para recuperar falantes especialmente entre a xente máis nova.
Besteiro insistiu en esixirlle ao Goberno galego “e ao Partido Popular, que o sostén”, unha estratexia “clara”, como teñen as comunidades autónomas de Cataluña e o País Vasco, “para impulsar a incorporación do noso idioma a ese futuro que xa é realidade hoxe”. Advertiu da urxencia de facelo á vista dos datos do propio Instituto Galego de Estatística e do “pouco impulso” que se lle está dando á lingua “por parte de quen teñen a obriga e a responsabilidade”. “Os socialistas pedimos que nos enganchemos a ese futuro”, concluíu.
O secretario xeral socialista referiuse tamén, en resposta a preguntas dos medios, á situación da saúde mental en Galicia. Despois de que a Xunta restara valor ao informe do Consello de Contas sobre ese problema, Besteiro lamentou que “é a tónica xeral do Partido Popular: negar a evidencia”. É algo que, segundo advertiu, se repite “constantemente cos informes do Consello de Contas”, tal como aconteceu co sobrecuste de máis de 400 millóns de euros nas obras do hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo.
“A realidade é dramática”, alertou sobre o que cualificou de “verdadeira crise”, tal como demostran as cifras “alarmantes” de suicidios en Lugo, a provincia de España cunha maior incidencia. “A realidade é que non se inviste o que figura nos Orzamentos. A realidade é que temos unha das taxas máis baixas de psicólogos e psiquiatras, con esperas que superan os cinco meses”, criticou para reiterar a mensaxe que trasladou onte desde a cidade da Muralla: “A solución non son máis pastillas e máis videoconsultas. Ese non é o camiño. O camiño é investir o que se programa e dotar de máis recursos humanos e materiais, ademais de prevención e planificación”. “Precisamente iso é do que carecen hoxe o Partido Popular e a Xunta de Galicia”, denunciou.