
O secretario xeral do PSdeG destaca que Galicia é unha das comunidades máis beneficiadas polos novos criterios de poboación axustada, xa que o modelo ten en conta o envellecemento, a dispersión territorial e a despoboación
Para o novo sistema de financiamento, Galicia conta con preto de 205.000 habitantes máis dos que reflicte o padrón, porque se recoñece que atender unha poboación máis envellecida e dispersa ten un maior custo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou de forma positiva a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico presentada polo Goberno de España, ao considerar que “abre unha oportunidade clara para Galicia despois de máis dunha década cun modelo caducado que o PP se negou a actualizar”.
Besteiro destacou que o novo modelo suporía 587 millóns de euros máis ao ano para Galicia respecto ao sistema vixente, unha mellora “moi relevante” que permitiría reforzar a sanidade pública, a educación e as políticas sociais. “Falamos de máis recursos porque, por fin, se recoñece mellor como é Galicia e o que custa prestar servizos públicos no noso territorio”, sinalou.
Neste sentido, explicou que Galicia é unha das comunidades máis beneficiadas polos novos criterios de poboación axustada, xa que o modelo ten en conta o envellecemento, a dispersión territorial e a despoboación. “Para o sistema de financiamento, Galicia conta con preto de 205.000 habitantes máis dos que reflicte o padrón, porque se recoñece que atender unha poboación máis envellecida e dispersa ten un maior custo”, indicou, lembrando ademais que Galicia é a comunidade máis beneficiada pola aplicación do criterio de dispersión.
“O que fai este modelo é corrixir unha inxustiza histórica con Galicia”, subliñou Besteiro, que cualificou a proposta como “seria, traballada e pensada para garantir servizos públicos de calidade e igualdade de oportunidades, vivas onde vivas” .
Neste contexto, o líder dos socialistas galegos preguntouse cal vai ser a posición do presidente da Xunta. “A gran incógnita é se Alfonso Rueda vai defender os intereses de Galicia ou se vai volver deixar pasar esta oportunidade para facerlle o xogo a Feijóo e ao PP estatal”, advertiu, lembrando que Galicia leva anos pagando as consecuencias dun sistema inxusto mentres o PP bloqueaba calquera avance.
Besteiro foi contundente ao afirmar que “Galicia non pode seguir sendo refén da estratexia política do PP”. Ao seu xuízo, cando hai sobre a mesa case 600 millóns de euros máis cada ano, o responsable é sentarse a negociar, mellorar o modelo e pelexar por Galicia, “non instalarse no non por disciplina de partido nin utilizar Galicia como moeda de cambio na estratexia do PP en Madrid”.
“O país necesita un presidente da Xunta que pense en Galicia antes que no seu partido”, concluíu Besteiro, reclamando a Rueda que acuda ao debate sobre o novo financiamento autonómico “con sentido de país, responsabilidade institucional e vontade real de acordo”.