O líder dos socialistas galegos esíxelle ao presidente da Xunta que defenda os intereses de Galicia fronte aos de Génova e que acepte a condonación da débeda e priorice vivenda, sanidade, a defensa do galego na UE e a industria galega
Besteiro traslada a solidariedade dos socialistas galegos á familia da vítima do presunto asasinato machista de Campo Lameiro e sinala que “mentres unha sola muller siga a ser asasinada polo mero feito de ser muller estamos obrigados a actuar sen tregua nin escusas”
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, afeoulle hoxe ao presidente da Xunta que volva poñer ao seu partido por riba dos intereses dos galegos e as galegas. Besteiro esixiulle a Rueda que priorice os intereses de Galicia fronte ás imposicións de Génova de cara á Conferencia de Presidentes do próximo venres e estea presente para que Galicia obteña as respostas urxentes polas que levan 16 anos agardando, dende a chegada do PP á Xunta.
En primeiro lugar esixiulle que desatenda á estratexia do seu partido e “estea presente” na Conferencia de Presidentes con propostas en positivo porque “as comunidades autónomas que suman conseguirán avances” no encontro do próximo venres que o PP está intentando boicotear.
Subliñou que “se hai recursos enriba da mesa non pode levantarse e irse”, e reclamoulle neste sentido que esixa a condonación da débeda, que suporán en torno a 600 millóns de euros que Galicia poderá destinar a mellorar os servizos públicos, sinaladamente para a sanidade pública e o reforzo da atención primaria.
Afeoulle ao presidente da Xunta que afronte unha semana decisiva sen un plan ambicioso en materia cando o rexistro galego supera os 21.700 demandantes de vivenda protexida, o que da a medida da dimensión do problema. Criticou que a Xunta sega a adiar a resposta ao problema da vivenda cando nos últimos 3 anos os alugueiros disparáronse máis dun 27 por cento e o salario tan só o 8 por cento.
Esixiulle ao goberno galego que “dea respostas agora” actuando sobre o parque de vivenda baleira e un Plan de rehabilitación eficaz tanto na zona rural como urbana porque os galegos e galegas non poden agardar á construción de vivenda nova dentro de 4 anos.
Besteiro esixiulle ao presidente da Xunta que dea resposta á súa defensa “ou non” da declaración do galego como lingua oficial nas institucións europeas porque, subliñou, “non valen máis enganos”. Afeoulle así que votaran no Parlamento de Galicia a favor da proposta socialista para defender o galego nas institucións europeas ao mesmo tempo que o PP estaba a “manobrar contra o uso da lingua nas institucións europeas.
Finalmente, o responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta unha posición activa e “liderado” no desenvolvemento industrial de Galicia, logo de constatar que se presentará este venres sen un Plan industrial actualizado nin unha aposta clara pola industria galega.
Violencia de xénero
José Ramón Gómez Besteiro comezou a rolda de prensa de hoxe trasladando as solidariedade os socialistas galegos á familia e achegados da vítima do presunto asasinato machista de Campo Lameiro. Subliñou que “Galicia non pode nin debe resignarse a convivir con esta violencia” e salientou a “obriga de actuar como sociedade sen tregua nin escusas” mentres “unha sola muller siga a ser asasinada polo feito de selo”.
O responsable socialista apuntou finalmente que a loita contra a violencia machista “require do compromiso de todos e de todas”, ademais de, salientou, “recursos e unidade política” para rematar con esta lacra.