
O secretario xeral do PSdeG celebrou o “paso decisivo” tras o si do Congreso ao decreto contra a crise derivada da guerra: “Confiamos en que agora o Consello de Ministros aprobe a declaración do nó con celeridade”
O líder socialista defendeu que os socialistas impulsan a conexión eléctrica para as industrias sostibles mentres o Partido Popular lla nega co seu voto en contra no Parlamento e a reclama para Altri
Destacou tras unha visita á empresa Prometal que as novas concesións a compañías vinculadas aos nós de transición xusta van estar ligadas á creación de emprego e a melloras no territorio
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou hoxe nas Pontes as repercusións que vai ter para Galicia a recente aprobación do real decreto que contén as medidas establecidas polo Goberno para paliar os efectos da crise enerxética asociada á guerra en Oriente Medio. Sinalou especialmente a “forte simplificación” dos procedementos relacionados cos nós de transición xusta e a conseguinte redución dos tempos para a posta en marcha de proxectos industriais.
Durante unha visita á empresa Prometal, especializada en estruturas metálicas complexas destinadas ao mercado internacional, o líder socialista criticou que o PP votase no Congreso en contra desas medidas “e de unha en concreto que figura no decreto, como é a liberación dos nós de transición xusta a través do Consello de Ministros”. Besteiro estivo acompañado polo alcalde pontés e presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a deputada Montserrat García Chavarría; os deputados autonómicos Patricia Iglesias e Aitor Bouza, e a segunda tenente de alcalde das Pontes, Ana Pena.
O secretario xeral precisou que eses procedementos se tramitaban antes a través dunha lei, o que ralentizaba a súa resolución. “Agora será a través do Consello de Ministros e, polo tanto, de xeito practicamente inmediato”, salientou sobre unha iniciativa que repercute directamente en territorios coma o norte da provincia coruñesa, xa que constitúe “un paso decisivo” para a declaración da subestación de Maciñeira, no veciño concello das Somozas, como nó de transición xusta.
“Vai supoñer liberar máis de 2.000 megawatts para novos proxectos industriais”, destacou. Segundo dixo, iso representará “un impulso definitivo” para a posta en marcha de novas industrias nas Pontes e nas zonas afectadas polo peche da central térmica, industrias que estarán vencelladas á creación de postos de traballo e beneficios para o territorio. Por iso lamentou que os populares poñan trabas ao desenvolvemento sustentable mentres reclaman conexións eléctricas para proxectos coma a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
“Os socialistas confiamos, pero ademais demandaremos, que agora o Goberno do Estado peche axiña esa resolución e, por tanto, faga realidade o nó de transición das Pontes”, insistiu José Ramón Gómez Besteiro. “Levamos moito tempo reclamándoo e agora á unha realidade”, subliñou.
Besteiro destacou que firmas coma Prometal, que desenvolven a súa actividade no norte da provincia da Coruña, e os proxectos que se van asentar na zona nos vindeiros anos, vanse beneficiar dunha infraestrutura clave para o futuro industrial desas comarcas. Insistiu tamén na aposta dos socialistas por que o peso da industria acade o 20 % do PIB galego e, nese senso, chamou a atención sobre o feito de que o concurso de transición xusta farase con criterios de impacto social, como a creación de emprego, a repercusión no territorio,k a eficiencia, o almacenamento ou o impulso de comunidades enerxéticas. É dicir, de sustentabilidade.
Máis capacidade de evacuación, almacenamento e subministro
O nó das Pontes contempla unha capacidade de 945 MW para xeración, incluídos os sistemas de bombeo, unha reserva de 410 MW para novos proxectos industriais e 1.024 MW para sistemas de almacenamento.
Neste momento existen proxectos que xa contan co apoio do Estado, con máis de 100 millóns de euros mobilizados, como son a planta de hidróxeno renovable de Reganosa e EDP, a planta de hidróxeno e amoníaco de Universal Kraft, a planta de valorización de residuos de Valogreene e Recinor ou a ampliación da propia Prometal.
Formoso expresou tamén a súa confianza en que nunha das próximas reunións do Consello de Ministros o Goberno vai declarar o nó de transición xusta das Pontes “e asegurar así os proxectos industriais de futuro”.
“Imos ter máis capacidade para evacuar enerxía renovable, máis capacidade para almacenala e máis capacidade para subministrarlla a eses proxectos industriais”, explicou o alcalde pontés, que remarcou que “se non hai subministro enerxético, non hai industria”.