A interparlamentaria socialista, presidida por Besteiro esta mañá en Santiago, lanza un novo ciclo de mobilizacións en Galicia, “estaremos en todo o terreno denunciando as emerxencias que afectan a Galicia”
As e os parlamentarios socialistas protagonizaron unha acción simbólica nas escaleiras do Parlamento galego, xunto a deputados e deputadas no Congreso e senadores, formando con paneis a bandeira de Palestina como xesto de unidade e firmeza na denuncia do xenocidio en Gaza
Besteiro foi moi crítico coa postura do PP: “Se non recoñecen o que está pasando, ou viven noutro planeta ou, peor, é que non lles importa o que pasa neste planeta”
José Ramón Gómez Besteiro abriu esta mañá a interparlamentaria socialista cunha mensaxe clara: Galicia non pode permanecer allea nin ás emerxencias que padece nin á traxedia que se vive en Gaza. “O Parlamento galego debe falar alto e claro. Debe condenar o xenocidio e debe facelo por unanimidade”, proclamou.
O encontro, que reuniu a representantes socialistas no Congreso, Senado, Parlamento europeo e Parlamento galego, serviu para marcar un novo tempo de mobilización política en todo o país, de reforzo da presenza do partido no territorio. “Galicia está en emerxencia. A sanidade pública está deteriorada, a vivenda é un drama para milleiros de familias, o galego retrocede, sufrimos unha emerxencia climática e unha emerxencia institucional fronte ao avance da ultradereita e o seguidismo do PP. Non imos mirar para outro lado,”, advertiu.
Besteiro acusou a Rueda de poñer os intereses de Galicia por baixo dos ditados de Feijóo e lanzou unha advertencia: “O futuro do país está en xogo. Chega a hora de escoller: defender Galicia ou renderse outra vez ao que mande Madrid”.
Gaza, no centro do debate político
Antes da interparlamentaria, Besteiro e os parlamentarios e parlamentarias socialistas protagonizaron unha acción simbólica nas escaleiras do Parlamento galego, xunto a deputados e deputadas no Congreso e senadores. Todos formaron a bandeirade Palestina con paneis como xesto de unidade e firmeza na denuncia do xenocidio en Gaza.
“Ninguén pode permanecer calado diante desta masacre. Falamos de máis de 65.000 mortos confirmados, pero a ONU alerta de que poden ser dez veces máis. É un xenocidio. Un crime masivo e indiscriminado”, denunciou Besteiro.
O líder socialista lembrou que o PSdeG rexistrou xa a petición dun minuto de silencio no próximo Pleno e dunha declaración institucional que deixe constancia do rexeitamento unánime da Cámara galega.
“Espero que ninguén quede atrás. A inmensa maioría dos galegos e galegas condena esta barbarie. O Parlamento debe facelo tamén, en nome do pobo galego, apoiando unha paz xusta e duradeira”, afirmou. E advertiu ao PP: “Se non recoñecen o que está pasando, ou viven noutro planeta ou, peor, é que non lles importa o que pasa neste planeta”.
Besteiro asegurou que os socialistas manterán Gaza no centro da política: “Imos estar en todas as mobilizacións, en Galicia e en España. A política pode cambiar as cousas, e imos facelo desde aquí, con compromiso firme contra esta masacre”.
A AP-9, “queremos a gratuidade inmediata”
Ao rematar, e a preguntas dos medios, Besteiro foi rotundo sobre a AP-9: “Queremos a gratuidade inmediata. Agora mesmo hai bonificacións do 75%, pero pode chegarse ao 100%. É posible, é xusto e é o que Galicia merece”.
Lembrou que foi o PP quen prorrogou a concesión con peaxes “gravísimos” e advertiu: “Nin sequera unha transferencia á Xunta garante a gratuidade, vendo como xestionan as autovías galegas. O que queremos é claro: gratuidade xa para todos e todas”.