O líder dos socialistas galegos visitou esta mañá o centro especial de emprego Ilunion Textil Care, no polígono do Tambre, onde puxo en valor o papel dos centros sen ánimo de lucro como motor de inclusión e cohesión social. Besteiro reclamou á Xunta máis compromiso coa contratación pública responsable
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá as instalacións de Ilunion Textil Care, no polígono do Tambre en Santiago, un centro especial de emprego sen ánimo de lucro que dá traballo a 220 persoas, das cales un 83 % teñen algún tipo de discapacidade. Este centro presta servizo de lavandería industrial a numerosos hoteis e hospitais de toda Galicia, tanto públicos como privados.
Durante a visita, Besteiro destacou que Ilunion Textil Care “é un exemplo real do que significa a economía social: unha actividade económica solvente que xera emprego inclusivo e cohesión social”. E subliñou con claridade cal é, ao seu xuízo, o criterio que debe guiar o apoio institucional: “O que marca a diferenza real é o sen ánimo de lucro. Ese é o sinal de identidade da verdadeira economía social”.
O líder dos socialistas galegos reclamou ás administracións públicas, e especialmente á Xunta de Galicia, un maior compromiso coa contratación deste tipo de centros, priorizando os que carecen de ánimo de lucro. “A contratación pública é unha ferramenta poderosa, e debería utilizarse para reforzar modelos como este, que non compiten por beneficios, senón por inserción laboral e benestar colectivo”, asegurou.
Besteiro advertiu tamén das desigualdades actuais no sector: “Hoxe hai centros con ánimo de lucro, mesmo sen presenza real en Galicia, que acceden á contratación pública pensada para os centros sociais. Iso non é xusto e desvirtúa o espírito da economía social”. Por iso, reclamou avanzar na nova Lei estatal de Economía Social, impulsada polo Goberno socialista, para garantir que estes principios se respecten na práctica.
Tras a visita polas instalacións, os medios de comunicación tiveron ocasión de escoitar tamén ao presidente de Cegasal, Mino Martínez, quen incidiu na mesma idea: “Todos nos abrigamos baixo o paraugas da economía social, pero a diferenza fundamental está no ánimo de lucro. Esa é a liña que a sociedade debe coñecer e que as administracións deben respectar”.
Xunto con Besteiro participaron na visita as deputadas socialistas no Parlamento galego Patricia Iglesias e Silvia Logueira, así como o secretario local do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza.
*O Álvaro Cunqueiro, “dez anos dunha oportunidade perdida”*
Preguntado polos xornalistas sobre a situación do PSdeG na provincia de Lugo, Besteiro foi claro: “O asunto está absolutamente zanjado, tal e como manifestou onte o secretario provincial e presidente da Deputación, José Tomé. As súas palabras deixan meridianamente claro que se tratou dun episodio puntual que non se vai repetir”.
En relación ao décimo aniversario do hospital Álvaro Cunqueiro, Besteiro foi especialmente crítico coa xestión do Partido Popular: “Hoxe cumpríronse dez anos dunha oportunidade perdida para Vigo e para a sanidade pública galega. O que tiña que ser un gran hospital con máis camas e máis servizos quedou reducido a un centro mermado, con menos capacidade e con sobrecustes que aínda estamos pagando. Non hai nada que celebrar, só lamentar unha operación de privatización que empobreceu a resposta sanitaria da área de Vigo e da provincia de Pontevedra”.
Tamén foi interpelado pola situación da Facultade de Medicina e polas diferentes posicións expresadas a nivel local nas cidades da Coruña, Vigo e Santiago. O secretario xeral do PSdeG sinalou que a clave está en recuperar o espírito do convenio asinado en 2015, que apostaba pola descentralización e o aproveitamento dos recursos sanitarios nas tres áreas urbanas: Santiago, A Coruña e Vigo.
Ese obxectivo, DIXO, “non se cumpriu porque a Xunta non fixo os deberes. Por iso agora xorden reivindicacións que son lexítimas e comprensibles. O importante é que esa facultade pensada para toda Galicia se sinta representada en cada unha desas cidades”, explicou, deixando aberta a posibilidade de avanzar cara a un modelo compartido se se garante unha presenza real nos tres territorios.