

O aumento da presión asistencial, o incremento das listas de espera e a falta de medios humanos centrarán a intervención do portavoz do Grupo Socialista na sesión de control do vindeiro pleno do Parlamento de Galicia
O pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana “chega nun momento marcado pola situación cada vez máis grave da sanidade pública galega”. Así o salientou a viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, durante a súa comparecencia tras a reunión da Xunta de Portavoces.
Nela explicou que o PSdeG vai levar á sesión diferentes iniciativas relacionadas cun problema que, “xunto á vivenda, é a principal preocupación das galegas e dos galegos”. De feito, destacou que a situación da sanidade será o tema da pregunta que o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, lle formulará a Rueda o próximo mércores.
Lara Méndez criticou que mentres o presidente da Xunta anunciaba onte unha futura lei de transformación dixital do sistema público de saúde, “os médicos rexeitan en bloque as peonadas e o Sergas soporta unha folga na atención primaria”. “Anuncia a bombo e prato unha pretendida transformación dixital mentres as listas de espera non deixan de medrar”, engadiu.
Nese senso, lamentou que, “tal como ocorreu coa lei de intelixencia artificial, Rueda volve recorrer á propaganda”, pretendendo vender outra vez “unha primeira lei” con adxectivos como “pioneira ou innovadora”, cando o obxectivo “debería ser facer unha boa lei”.
Atención a distancia en vez de reducir agardas
Lamentou tamén que esa norma “parece que volverá insistir nas prestacións sanitarias non presenciais, na atención a distancia”, en lugar de ofrecerlles aos usuarios máis frecuentes, as persoas maiores, o que precisan. “Insístese en potenciar a e-saúde en vez de conseguir que quen o necesita poida acceder a unha consulta en atención primaria en menos de 48 horas”, insistiu en relación coa negativa do PP a apoiar unha iniciativa socialista para garantir unha espera máxima de dous días en medicina de familia.
Méndez avanzou que, tamén en materia de sanidade, o Grupo Socialista presentará unha moción que inclúe sete propostas “en positivo” para mellorar a calidade asistencial “e reverter o desmantelamento imposto nos últimos 17 anos polos gobernos do PP”. Entre elas, citou a convocatoria de todas as prazas vacantes en atención primaria e urxencias hospitalarias e recuperar as xerencias “con capacidade de decisión e competencias de coordinación”. Segundo dixo, trátase de volver ao modelo de sanidade pública “de calidade, que trate a todos os galegos e galegas como cidadáns de primeira, independentemente do seu lugar de residencia”.
Ademais, os socialistas inclúen na sesión dos días 24 e 25 unha pregunta sobre a situación concreta do servizo de coidados paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, “logo das graves denuncias da comisión de entro, que alerta da falta de intimidade nas habitacións, ausencia de espazos adecuados para familiares en estancias prolongadas, carencia de especialidades médicas de apoio, e as limitacións no acceso a servizos fundamentais, como farmacia, laboratorio ou radioloxía”.
Pazo de Meirás e centros educativos
Por outra banda, trasladarán unha pregunta oral urxente sobre a colaboración da Xunta co Goberno de España para recorrer a sentenza sobre o pazo de Meirás “e frear o pago de indemnización aos Franco pola apropiación durante o franquismo dun inmoble que é un ben público”.
En materia de educación, o PSdeG levará ao pleno unha Interpelación para que o conselleiro dea conta da situación “deplorable” na que se atopan os centros públicos logo de anos de desleixo por parte dos gobernos do PP, que deben asumir as súas competencias e a súa responsabilidade institucional como partido responsable do goberno e garantir centros seguros, accesibles, eficientes e adaptados ás necesidades do século XXI.
Bonos Concilia
Segundo avanzou Lara Méndez, o Grupo Socialista tamén defenderá unha proposición non de lei para reclamarlle á Consellería de Política Social que reformule o sistema de concesións dos bonos Concilia e conseguir que sexan eficaces á hora de chegar ás familias que os soliciten. “Cremos que o Goberno galego debera colaborar cos concellos para implantar un programa estable que garanta a concorrencia competitiva no acceso ás axudas”, explicou.
Tamén dirixida a Política Social, formulará unha pregunta oral para reclamarlle á conselleira que manteña unha canle de diálogo directo coa representación das persoas usuarias da residencia das Gándaras, en Lugo, coas súas familias e co persoal técnico do centro, diante da preocupación que está a provocar a reforma do inmoble.
Dilacións nas axudas tras os incendios do pasado verán
Finalmente, os socialistas presentarán unha proposición non de lei para reclamarlle ao Goberno de Rueda que pague “de inmediato” as axudas pendentes para os afectados polos incendios forestais do pasado mes de agosto. “Estamos recibindo queixas de numerosos afectados que máis de seis meses despois aínda non recibiron as axudas para alimentación do gando en extensivo que quedou sen pastos ou para as colmeas situadas nas zonas afectadas”, asegurou.
“Non é de recibo que aínda non saiban nada dunhas axudas que foron comprometidas e anunciadas como urxentes para apoialos nunha situación de catástrofe, pero que á hora da verdade vemos como seguen a mesma tramitación lenta e farragosa das axudas ordinarias”, criticou Méndez.