
O secretario xeral do PSdeG emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “poñerse do lado de Galicia e facer presión no seu partido” para apoiar que “o noso idioma sexa lingua de uso nas institucións comunitarias”
Besteiro tamén denunciou que dende hai 17 anos en Galicia non hai planificación na Rede Natura, nin tampouco no desenvolvemento das enerxías renovables: “A Xunta falla na xestión, falla no cumprimento da lexislación europea e penaliza o desenvolvemento industrial do país”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este mércores, trala reunión con Javi López, vicepresidente do Parlamento Europeo, o dereito do galego a ser lingua de uso nas institucións comunitarias e acusou ao Partido Popular de ser “o único obstáculo” para que iso sexa posible.
“Se hoxe non se fala galego nas institucións europeas é porque o PP non quere. É así de sinxelo”, afirmou Besteiro, quen lembrou que moitas formacións políticas de distintas cores xa apoian a proposta de incorporar o galego, o catalán e o euskera ao funcionamento ordinario da UE, ao tempo que salientou o traballo que está a facer neste senso tanto Javi López como Nicolás González Casares.
Besteiro continuou hoxe a súa visita institucional ao Parlamento e á Comisión Europea, onde durante tres xornadas mantivo —e manterá mañá— encontros de traballo centrados en enerxía, medio ambiente, vivenda, pesca e competitividade, mais tamén, subliñou, “no noso ADN como pobo está a defensa do idioma”.
“Hai dous anos tiven a honra de defender no Congreso dos Deputados que se falara galego, catalán e euskera. Agora tocaba dar o seguinte paso: facelo posible tamén en Europa. Non hai máis escusas”, insistiu o líder socialista, quen se mostrou convencido de que “máis pronto que tarde venceremos a resistencia do PP e o galego falarase no Parlamento Europeo”.
Por iso, Besteiro emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “poñerse do lado de Galicia e facer presión no seu partido” para apoiar esa demanda.
Crítica á inacción da Xunta: “Un goberno inoperante que falla na xestión”
Na segunda parte do seu encontro cos medios, Besteiro, que se reuniu co Gabinete da Comisaria de Medio Ambiente, denunciou a parálise da Xunta de Galicia en materia medioambiental e enerxética, e advertiu de o incumprimento sistemático da Rede Natura por parte do Goberno galego.
“Hai un incumprimento flagrante que se produce dende hai anos. Non hai planificación na Rede Natura, nin tampouco no desenvolvemento das enerxías renovables. A Xunta falla na xestión, falla no cumprimento da lexislación europea e penaliza o desenvolvemento industrial do país”, reprochou.
Besteiro advertiu que a falta de planificación “non só supón sancións e perda de fondos europeos, senón tamén unha Galicia a dúas velocidades: unha Galicia que non se desenvolve porque ten un goberno que non se preocupa das cousas que debería”.
“Un proxecto fallido e unha moratoria chea de portas traseiras”
O do líder socialista tamén se referiu ao proxecto de Altri, que cualificou como “absolutamente fallido”, tanto pola súa falta de encaixe no modelo forestal galego como polo seu impacto ambiental e pola negativa do Fondo de Innovación a recoñecer achegas económicas, despois dos tres NON do Goberno de España.
“Somos as socialistas e os socialistas quen estamos freando ese proxecto, porque non é bo para Galicia nin desde o punto de vista ambiental nin innovador”, subliñou.
En canto á moratoria do eucalipto, Besteiro advertiu que “non serviu para frear as plantacións”, e que “seguiron medrando mesmo cunha moratoria vixente”. Esto, dixo,” é o reflexo dunha forma de gobernar do PP: parches, improvisación e ausencia de control. Un goberno que non xestiona, que non planifica e que deixa fuxir oportunidades para medrar de forma sostible”, concluíu.
O secretario xeral do PSdeG engadiu que o inventario forestal pendente demostrará que “a moratoria foi papel mollado” e que “a Xunta non fixo absolutamente nada por ordenar o monte nin por apostar por especies autóctonas”. Polo tanto, concluiu, “non se pode falar de transición verde mantendo o descontrol do eucalipto. Galicia necesita planificación, non máis improvisación nin falta de control”.