
O líder do PSdeG retrata no Debate do Estado da Autonomía unha Galicia sen rumbo, con máis de 32.000 persoas á espera dunha vivenda e unha sanidade deteriorada, e sitúa ao presidente da Xunta como o verdadeiro problema
Besteiro alertou da falta de previsión na xestión dos montes, cun dispositivo contra os incendios forestais que chega sempre tarde: “O que non se planifica no inverno, arde no verán”
A intervención incorporou tamén unha chamada á responsabilidade política no contexto internacional, reclamando unha posición clara contra a guerra e en defensa do dereito internacional, sen ambigüidades
No ámbito da igualdade, advertiu de que a Xunta está incumprindo as súas propias leis e deixando esta política nun segundo plano. Lembrou que en 2026 xa foron asasinadas 11 mulleres e 3 menores en España e criticou a ausencia de medidas estruturais en Galicia
Situou tamén en Altri o exemplo máis claro dunha política industrial “opaca, sen respaldo social nin técnico e baseada nunha única aposta sen plan alternativo”, reclamando o seu peche definitivo e transparencia sobre os acordos adoptados”
Discurso Besteiro DEA26 080426
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo hoxe no Debate do Estado da Autonomía unha emenda á totalidade da acción de Goberno de Alfonso Rueda, repasando un a un todos os incumprimentos, ao que acusou de manter Galicia “á deriva”, sen planificación nin proxecto, e de responder aos problemas da cidadanía con anuncios e bonos en lugar de solucións reais.
“Que cambiou na vida da xente?”, preguntou ao inicio da súa intervención, tras lembrar que Rueda leva catro anos como presidente e 17 no Goberno galego. A resposta, dixo, é cada vez máis evidente: máis dificultades para acceder a unha vivenda, máis espera na sanidade e máis incerteza nun país que avanza sen dirección política. “Non é aceptable unha Presidencia sen rumbo nin limitarse a administrar a inercia”, advertiu, definindo ao Executivo galego como un goberno “indolente” que renunciou a planificar.
Besteiro situou así o fondo do debate nunha idea central: Galicia non ten un problema de diagnóstico, ten un problema de goberno. E aí encaixou a súa crítica á estratexia do PP de responder a cada crise cun bono distinto. “Levan anos así: bono peixe, bono alugueiro, bono cultural… sempre o mesmo. Moito anuncio e pouca solución”, sinalou, antes de propoñer o que definiu como o único bono que realmente falta: “O Bono Goberno. O funcionamento é sinxelo: os cidadáns pagamos impostos e o goberno resolve os problemas”.
A intervención foi debullando esa idea con exemplos concretos. En vivenda, lembrou que máis de 32.000 persoas están inscritas no rexistro de demandantes, 10.000 máis nun só ano, mentres a Xunta deixou sen executar máis de 100 millóns de euros orzamentados. “Non é que non saiban o que pasa, é que non fan nada para cambialo”, resumiu, propoñendo a creación dun Banco Público de Alugueiro que permita poñer no mercado vivenda a prezos accesibles.
En sanidade, denunciou o deterioro da atención primaria e o incumprimento da promesa de garantir cita en menos de catro días, cun 43% dos pacientes agardando máis tempo. A iso engadiu a falta de profesionais en saúde mental e o impacto que xa está a ter na sociedade. “Estamos ante a gran epidemia do século XXI e Galicia debería ir por diante”, advertiu, antes de interpelar directamente ao presidente: “Isto é falta de planificación ou decidiron deixar caer o sistema?”.
Besteiro ampliou o foco á economía para cuestionar a ausencia dun modelo claro. Sinalou que Galicia medra por debaixo da media estatal en emprego e actividade, a pesar do seu potencial, e acusou á Xunta de confundir “anunciar con gobernar”. Neste contexto criticou que a única medida industrial é ampliar capital público en Recursos de Galicia, un chiringuito opaco: “Pasamos da opacidade de Altri á opacidade de Recursos de Galicia: outro chiringuito no que, tendo xa a Xunta arredor do 30% do capital, seguen negándose a dar explicacións.
E todo isto, explicou, nun proxecto que naceu coa promesa de crear unha comercializadora pública de enerxía para abaratar a factura eléctrica de todos os galegos e galegas. Onde está esa comercializadora?
Situou tamén en Altri o exemplo máis claro dunha política industrial “opaca, sen respaldo social nin técnico e baseada nunha única aposta sen plan alternativo”, reclamando o seu peche definitivo e transparencia sobre os acordos adoptados.
Tamén abordou a situación do rural e do sector primario, denunciando a falta de planificación e investimento e un modelo baseado en medidas puntuais que non resolve os problemas de fondo. Advertiu de que ese abandono ten consecuencias directas, tamén na xestión dos incendios, cun dispositivo que chega tarde e sen previsión. “O que non se planifica no inverno, arde no verán”, resumiu.
No ámbito das contas públicas, cifrou en 793 millóns de euros anuais o impacto das rebaixas fiscais da Xunta, que, dixo, benefician ás rendas máis altas mentres faltan recursos en sanidade, vivenda ou educación. Ao mesmo tempo, criticou que o Goberno galego rexeite a condonación de 4.010 millóns de débeda, “unha oportunidade que Galicia non pode permitirse deixar pasar”.
A intervención incorporou tamén unha chamada á responsabilidade política no contexto internacional, reclamando unha posición clara contra a guerra e en defensa do dereito internacional, sen ambigüidades.
No ámbito da igualdade, advertiu de que a Xunta está incumprindo as súas propias leis e deixando esta política nun segundo plano. Lembrou que en 2026 xa foron asasinadas 11 mulleres e 3 menores en España e criticou a ausencia de medidas estruturais en Galicia: falta de planificación, ausencia dun plan de saúde específico para as mulleres, carencias na educación afectivo-sexual e insuficiente reforzo dos recursos de atención. “A igualdade non pode ser un discurso, ten que ser unha política real que se note na vida da xente”, subliñou.
Fronte a este balance, Besteiro avanzou varias das propostas de resolución que o grupo socialista defenderá mañá e que abranguen os principais ámbitos de actuación: desde a reforma da atención primaria ata a intervención no mercado da vivenda, a planificación industrial, o reforzo do sector primario, a negociación da débeda ou un novo marco de financiamento para Galicia.
O líder socialista pechou a súa intervención volvendo á idea que atravesou todo o discurso: Galicia non precisa máis bonos nin máis anuncios, precisa un goberno que asuma a súa responsabilidade. “A metade do Bono Goberno xa está cumprida, porque a xente paga impostos. Agora falta que vostede cumpra a súa parte”, concluíu, deixando unha mensaxe de fondo clara: o principal problema de Galicia hoxe non é a falta de recursos nin de diagnóstico, senón a falta de goberno.