

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista lamenta que PP e BNG non secundasen a proposta socialista dunha declaración institucional cun “non á guerra” para enviar unha voz unánime de Galicia en defensa do dereito internacional, de Europa e da soberanía nacional
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a escoller con claridade entre a defensa da paz ou a lóxica da confrontación, advertindo do risco de que o dereito internacional sexa substituído pola “lei da selva” nas relacións entre países.
Durante a sesión de control no Parlamento de Galicia, Besteiro lembrou que os socialistas propuxeron ao resto dos grupos acordar unha declaración institucional cun “Non á guerra” a partir dunha proposta socialista, coa intención de que Galicia trasladase unha posición clara e unánime ante o actual contexto internacional.
O líder socialista lamentou que PP e BNG non secundasen esa iniciativa, polo que finalmente non foi posible enviar unha mensaxe conxunta desde o Parlamento galego.
Besteiro sinalou que neste momento histórico toca escoller con claridade entre dous modelos radicalmente diferentes. Dun lado, explicou, está a defensa do dereito internacional, da cooperación entre países, da defensa de Europa e da soberanía nacional. Doutro, advertiu, está a lei do máis forte, a ruptura das regras internacionais e a lóxica da confrontación permanente que están alentando determinadas correntes políticas. “Hai que escoller entre a paz ou a guerra, entre o dereito internacional ou a lei da selva”, afirmou.
O secretario xeral do PSdeG advertiu de que permitir que as relacións internacionais volvan rexerse pola imposición da forza suporía un retroceso histórico para a democracia e para a estabilidade global. Neste contexto, defendeu que Galicia debe posicionarse con claridade en defensa da paz, do dereito internacional e dun proxecto europeo baseado na cooperación entre estados soberanos.
A sesión comezou cun minuto de silencio polas vítimas dos atentados do 11 de marzo de 2004 a petición do Grupo Parlamentario Socialista, unha data que, como sinalou Besteiro, “obriga a reafirmar o compromiso coa democracia e co rexeitamento da violencia”.