“A condonación da débeda é o quilómetro cero da financiación autonómica e permitirá liberar 1.700 millóns anuais para reforzar servizos públicos en Galicia”
“A vaga de incendios deste verán evidenciou a falta de coordinación e a improvisación da Xunta, con recursos esenciais como motobombas asignadas a GES que nin sequera existían”
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que a negativa do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aceptar a condonación da débeda autonómica supón “un claro prexuízo para Galicia” e responde unicamente a un “seguidismo obsceno do que lle marca Feijóo desde Madrid”.
Besteiro lembrou que o proxecto de condonación aprobado polo Consello de Ministros abrangue a todas as comunidades de réxime común, con máis de 83.000 millóns de euros a repartir. Galicia poderá beneficiarse con 4.010 millóns, unha cantidade que representa o 6,7 % do total, por riba do peso poboacional do 5,5 %: “Se a unha familia lle perdoan un terzo da súa hipoteca, ninguén entendería que se rexeitase esa medida. O mesmo acontece con Galicia”, subliñou.
Neste sentido, o líder socialista insistiu en que a medida non só mellora a posición financeira da comunidade nos mercados, senón que permite liberar 1.700 millóns anuais que agora se destinan á amortización e intereses da débeda, recursos que poderían empregarse en reforzar servizos públicos esenciais como a sanidade ou o benestar social.
“É unha medida histórica, que non beneficia só a Cataluña como pretende o PP, senón ao conxunto das comunidades. De feito, sete de cada dez euros da condonación van parar a territorios gobernados polo Partido Popular”, explicou. “O que fai falta é vontade política da Xunta para acollerse ao mecanismo”, engadiu.
Besteiro tamén denunciou a xestión da Xunta durante a vaga de incendios do pasado mes de agosto, que arrasou máis de 100.000 hectáreas. Criticou a “falta absoluta de coordinación”, o “malgasto de recursos” e a entrega de motobombas a grupos de emerxencias supramunicipais (GES) que nin sequera existían, mentres outros con persoal e necesidades reais quedaban sen medios. “O resultado foi un servizo esencial absolutamente infrautilizado”, advertiu. Ademais, anunciou que hoxe mesmo manterá unha reunión cos representantes da asociación dos GES para escoitar directamente as súas demandas.
Neste contexto, Besteiro advertiu que Rueda “vai ter que dar moitas explicacións o próximo martes na sesión plenaria do Parlamento de Galicia” sobre esta grave situación e que fixeron estas semanas.
Finalmente, a preguntas dos xornalistas sobre a decisión de Ryanair de reducir operacións en Galicia, Besteiro recordou que a suba das taxas aeroportuarias vén dunha lei aprobada polo PP en 2014 e que, en todo caso, “non son 60 céntimos os que fan que unha persoa colla ou non un avión”. “O importante é que a Xunta exerza as súas competencias para promover redes comerciais e turísticas que reforcen a conectividade de Galicia co resto de España e co mundo. En lugar de asumir esa responsabilidade, Rueda limítase outra vez a facer seguidismo do PP en Madrid”, concluíu.