
BESTEIRO: “O PSdeG ACTUOU EN HORAS, CON RAPIDEZ E CONTUNDENCIA DIANTE DUNHA DENUNCIA ANÓNIMA POR PRESUNTO ACOSO EN LUGO”
O secretario xeral do PSdeG iniciou a súa comparecencia de hoxe, tras a reunión da Executiva, trasladando unha mensaxe directa á vítima de calquera conduta machista, á que expresou “todo o noso apoio, afecto e solidariedade”, subliñando que o partido chegará “ata o final”
José Ramón Gómez Besteiro explicou que, tras presentarse unha denuncia no canal do partido esta mesma semana, o PSdeG actuou “en horas, con rapidez e contundencia”, e recalcou que “non son palabras, son feitos”
Detallou que, nunha reunión celebrada en outubro, se lle trasladou a existencia dun suposto acoso sobre unha terceira persoa atribuído a José Tomé, a quen pediu explicacións, pero este negou os feitos. Á informante conminouna a animar a posible vítima a denunciar e púxoa en contacto coas secretarias de Organización de Lugo e Galicia
O líder socialista lembrou que o artigo 191 do Código Penal di, literalmente, que “para proceder polos delitos de agresións sexuais e acoso sexual será necesaria denuncia da persoa agraviada, do seu representante legal ou querela do Ministerio Fiscal”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu este xoves ante os medios tras a reunión da Executiva do Partido Socialista de Galicia para explicar as decisións adoptadas nas últimas 54 horas polo PSdeG, en coordinación co PSOE, ante as informacións publicadas sobre un presunto caso de acoso na provincia de Lugo.
Besteiro iniciou a súa intervención trasladando unha mensaxe directa á vítima de calquera conduta machista, á que expresou “todo o noso apoio, afecto e solidariedade”, subliñando que o partido chegará “ata o final”. O dirixente socialista lamentou profundamente calquera tipo de acoso e pediu perdón porque estas condutas “non poden producirse no noso partido”.
O secretario xeral explicou que, tras presentarse unha denuncia no canal do partido esta mesma semana, o PSdeG actuou “en horas, con rapidez e contundencia”, e recalcou que “non son palabras, son feitos”. Sinalou que as informacións publicadas nas últimas horas causaron “unha profunda tristeza, unha fonda indignación e unha repugnancia inevitable” no conxunto do partido, que, afirmou, “non se conforma con palabras” e vai “aos feitos”.
Indicou que, en coordinación co PSOE, se activaron todos os mecanismos internos para investigar con rigor. Así, tras coñecer polos medios a existencia dunha denuncia anónima no canal antiacoso do partido, suspendeu a súa axenda, recadou toda a información posible e reuniuse con José Tomé, a quen pediu o abandono de todos os seus cargos institucionais e orgánicos, trasladando esta decisión á Executiva Federal. Segundo explicou, Tomé xa non forma parte do Partido Socialista, está suspendido de militancia e dimitiu como presidente da Deputación de Lugo.
Durante a súa comparecencia, Besteiro detallou o funcionamento dos mecanismos internos de denuncia do partido, lembrando que o PSOE foi o primeiro en España en crear unha canle fronte ao acoso que garante o anonimato absoluto e permite denunciar respectando os tempos e os dereitos das vítimas. Subliñou que esta canle depende dun órgano que actúa con total independencia, o que implica que, a día de hoxe, a dirección do partido non teña acceso ás denuncias presentadas. Neste sentido, pediu respecto escrupuloso para quen sufrise estes feitos e confianza no traballo do órgano competente.
O secretario xeral reiterou que a resposta do PSdeG ante calquera conduta machista é sempre a mesma: escoitar e animar a denunciar, actuando con rapidez e contundencia cando se presenta unha denuncia. Relatou que, en outubro, cando non existía denuncia formal, unha persoa solicitou ser escoitada para relatar presuntas condutas machistas que afectaban a unha terceira. Besteiro explicou que a resposta do partido foi atendela, escoitala e pedirlle que animase a vítima a denunciar, ademais de poñela en contacto con Organización do partido, que mantivo varias reunións en outubro e novembro.
Lembrou tamén, nese sentido, que o artigo 191 do Código Penal di, literalmente, que “para proceder polos delitos de agresións sexuais e acoso sexual será necesaria denuncia da persoa agraviada, do seu representante legal ou querela do Ministerio Fiscal”. “Por suposto, pedimos explicacións ao presunto acosador, quen negou os feitos”, explicou.
Besteiro sinalou que se atendeu esa persoa catro veces nas últimas semanas, “e de novo volvemos solicitar explicacións ao presunto acosador, que volveu negar os feitos”.
Engadiu que, unha vez rexistrada esta semana unha denuncia na canle correspondente, o partido actuou “inmediatamente e con contundencia”, insistindo en que “non son palabras, son feitos” e reiterando o compromiso de chegar ata o final.
A preguntas dos medios, Besteiro aclarou que descoñece se a información que lle foi trasladada e a denuncia que figura na canle do SOE se refiren a un mesmo caso, dado que o protocolo do partido fai imposible que se desvele a identidade da persoa denunciante se esta así o desexa.
Besteiro informou tamén de que o Grupo de Igualdade do PSdeG se reuniu onte para reforzar as medidas contra o machismo e a prevención do acoso. Entre as decisións adoptadas, destacou o impulso de iniciativas lexislativas para que todos os partidos políticos se doten de ferramentas internas de protección ás vítimas, a creación de canles seguras con apoio psicolóxico e xurídico e o establecemento de formación obrigatoria para toda a militancia, especialmente para cargos orgánicos e públicos.
Por último, anunciou que o PSdeG propuxo hoxe á Executiva Federal a constitución dunha xestora na provincia de Lugo, que estará presidida por Luis Ángel Lago Lage e acompañada por outras dez persoas nunha lista paritaria.