O secretario xeral dos Socialistas de Galicia celebra o investimento histórico que nos sitúa no corazón da transformación tecnolóxica e científica de España
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou hoxe o impulso definitivo da fábrica 1HealthAI, a primeira infraestrutura pública de intelixencia artificial aplicada á saúde en Europa, que se instalará no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Besteiro subliñou que este paso “sitúa a Galicia nun lugar central dentro da innovación europea” e representa “un exemplo claro de como a ciencia e a tecnoloxía poden estar ao servizo das persoas e do ben común”.
“Non falamos só de tecnoloxía, falamos de saúde, de investigación e tamén de esperanza. Este proxecto é poñer a intelixencia artificial ao servizo da xente, para mellorar vidas e reforzar o sistema público de saúde”, afirmou.
Financiamento europeo e cooperación institucional
O proxecto 1HealthAI supón un investimento total de 82 millóns de euros, financiado de forma conxunta por institucións europeas e españolas.
A EuroHPC Joint Undertaking e a Comisión Europea achegan 41 millóns, mentres que o Goberno de España, a través do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, contribúe con 24 millóns. É dicir, o 79,3% do total do investimento. A Xunta de Galicia, pola súa banda, participa cunha achega de 17 millóns de euros (20,7%).
“Trátase dun esforzo compartido entre administracións, pero sobre todo dunha aposta de país polo coñecemento, pola ciencia e polo futuro”, destacou Besteiro.
A nova fábrica de IA permitirá desenvolver aplicacións avanzadas para a investigación biomédica, o procesamento de datos sanitarios e a medicina personalizada. Con esta infraestrutura, Galicia converterase nun referente europeo en innovación pública, fortalecendo o seu tecido investigador e tecnolóxico.
Con todo, Besteiro recalcou que o máis relevante “non son só as cifras, senón a visión que hai detrás: a confianza en que Galicia pode liderar, innovar e facelo pensando nas persoas”.
“Con este proxecto, Galicia non mira o futuro de lonxe: está decidida a construílo. E faino con talento, con alianzas e cunha visión de país”, concluíu.