O secretario xeral do PSdeG sinalou que o Estado incorporará 380 millóns de euros a unha iniciativa que esixirá “ben pouco esforzo” á Xunta: só 32 millóns
O líder socialista cualificou de “bochornosa” a actitude do PP na sesión de control ao Goberno, “un partido que ten case 150 cargos implicados nunha trintena de causas”
“Hai diferenza entre como actúan uns e outros coa corrupción: o Partido Socialista, con determinación, e o Partido Popular, con ocultación”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro reclamoulle hoxe a Rueda que a Xunta se sume ao plan de vivenda do Goberno, logo de que a ministra anunciara no Senado o impulso de 300 novas vivendas en Galicia. “A semana pasada xa fixen un chamamento e púxenme en contacto co Goberno para que mantivera a oferta de ampliación do plan, que, curiosamente, rexeitou Rueda na Conferencia de Presidentes”, explicou o líder socialista, que valorou que “ese chamamento se materializou onte”.
Besteiro destacou que o Estado prevé triplicar o investimento durante os vindeiros catro anos, ata os 380 millóns, aos que a Xunta debe incorporar 32 millóns. En comparación, “ben pouco esforzo”. Será para levantar “vivenda pública que sempre quede en mans públicas”, salientou.
“Eu denunciei que Rueda rexeitara a oferta, porque en aquel momento só estaba ao que lle mandaba Feijoo, que era chegar á conferencia para rebentala e simplemente pedir eleccións, rexeitando un plan que é bo para Galicia”, afirmou. “Afortunadamente, a ministra confirmou que o plan vai adiante”, dixo, e volveu reclamar que a Administración galega se adhira, e que o Goberno galego traballe así “pensando nos intereses dos galegos e das galegas”, e “non nos de Feijoo”.
“Cando o Partido Socialista detecta corrupción, extírpaa”
José Ramón Gómez Besteiro referiuse tamén, a preguntas dos medios, á “bochornosa conduta do PP” durante a sesión de control ao Goberno esta mañá no Congreso dos Deputados. “É un partido que ten 30 causas penais na axenda xudicial, cun socio, Vox, que acaba de ser condenado por financiamento irregular”, lembrou.
O líder do PSdeG sinalou que “hai diferenza entre como actúan uns e outros coa corrupción: o Partido Socialista, con determinación, e o Partido Popular, con ocultación”. “Cando o Partido Socialista detecta corrupción, extírpaa, íllaa e expona ao público”, remarcou en contraposición ao xeito de proceder do PP, “que ten case 150 cargos públicos implicados nesa trintena de causas penais. E esa é a alternativa que lles ofrece aos españois e españolas na loita contra a corrupción”, dixo.
Por último, apuntou que “moitos deses cargos” participaron na manifestación contra o Goberno en Madrid. “Estaban alí sacando peito, coma se non pasara nada, pois esa é a forma vergoñenta de actuar e a cara dura que demostran”, concluíu.