A situación en Galicia é alarmante: o prezo da vivenda subiu un 21,4% en 2024 e os alugueiros disparáronse un 57% na última década, superando en cidades como Vigo ou A Coruña os 2.000 euros por metro cadrado. “E o PP só pon parches”
Besteiro acusou a Rueda de mentir cando di que a Xunta garante que a vivenda pública será sempre pública: “Iso non é certo. Se estivese garantido, non faría falta unha lei. E vostede sábeo”
Criticou tamén a postura de Rueda na Conferencia de Presidentes, onde se negociaba un acordo co Goberno de España que incluía 380 millóns de euros para vivenda pública en Galicia: “Ergueuse sen pactar nada. Sempre desaparece cando hai que dar a cara por Galicia”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes que o seu grupo rexistrará de forma inmediata no Parlamento de Galicia unha Proposición de Lei para garantir que a vivenda pública sexa sempre pública. “Se hai cartos públicos, ten que haber garantías. E porque a vivenda non é un negocio: é un dereito”, advertiu.
A iniciativa socialista chega nun momento de máxima urxencia social. “Cada vez máis mozos e mozas non poden emanciparse. Cada vez máis familias teñen que escoller entre pagar o alugueiro ou chegar a fin de mes. Cada vez máis traballadores empobrecen polo custo da vivenda. Porque o dereito á vivenda está roto”, afirmou Besteiro ante o pleno do Parlamento.
O voceiro do Grupo Socialista definiu a situación en Galicia de alarmante e urxiu a Rueda a tomar medidas: “O prezo da vivenda subiu un 21,4% en 2024 e os alugueiros disparáronse un 57% na última década, superando en cidades como Vigo ou A Coruña os 2.000 euros por metro cadrado. O problema non é só de mercado, senón de modelo. Estamos ante unha ruptura da cohesión social. A especulación divide, desiguala e fractura a sociedade”, denunciou.
Fronte a isto, a proposta socialista buscará blindar por lei que toda vivenda construída con financiamento público se manteña sempre no parque público, e que a Xunta dispoña do dereito preferente de compra para garantir que permanezan no mercado a prezos xustos.
“Vostede, señor Rueda, limitouse a aprobar en xaneiro un parche que só protexe unha parte mínima. E sábeo, aínda que lle minta ás galegas e galegos”, recriminou Besteiro ao presidente da Xunta. “Nós defendemos que nin un só euro público vaia parar á especulación. Que a vivenda pública se manteña con prezos accesibles para quen a precise, sempre, hoxe e mañá”, engadiu.
Besteiro lembrou tamén que o Goberno de Feijóo e Rueda non estivo á altura en política de vivenda: “O Goberno socialista en Galicia iniciou máis vivendas públicas en dous anos que os gobernos do PP en quince. Así estamos como estamos.”
Tamén criticou a postura de Rueda na Conferencia de Presidentes, onde se negociaba un acordo co Goberno de España que incluía 380 millóns de euros para vivenda pública en Galicia. “Ergueuse sen pactar nada. Sempre desaparece cando hai que dar a cara por Galicia”, reprochou.
Se vostede di que todo está feito, eu digo que non. Pero, en todo caso, cando presentemos esa proposición de lei, non haberá problema en votala a favor. Se realmente está feito, e o que facemos é confirmar por lei unha medida que xa está en marcha, non terá escusa para opoñerse. Votarémola e veremos.
E nese momento tamén veremos cal é o seu verdadeiro compromiso coa vivenda pública e con manter sempre ese parque baixo titularidade pública. Porque ten que separar os intereses de partido dos intereses de Galicia xa que, por desgraza, case nunca coinciden.