O presidente do Parlamento negouse a ler en voz alta o texto proposto polo Grupo Socialista, coa excusa de que “xa o coñecían todos”
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista advertiu a Rueda de que o PP está asumindo o negacionismo e os postulados da ultradereita e pediulle rematar cos discursos de odio
O Parlamento de Galicia gardou hoxe un minuto de silencio polas vítimas do xenocidio en Gaza, un xesto que só foi posible pola presión do PSdeG.
Durante días, e mesmo ata cinco minutos antes de arrincar a sesión plenaria, os populares bloquearon e rexeitaron a proposta socialista. Pretenderon substituíla por un texto que diluía o xenocidio, equiparando ás vítimas de Gaza cun atentado terrorista, unha fórmula inaceptable para o PSdeG.
Cómpre lembrar que a proposta socialista xa contaba desde onte co apoio do BNG e de Democracia Ourensana, polo que a negativa do PP deixaba en evidencia o seu illamento político e moral. Só cando todos os deputados e deputadas estaban xa sentados no hemiciclo, e co debate a piques de comezar, o presidente do Parlamento viuse obrigado a anunciar que o PP rectificaba e aceptaba a iniciativa socialista. Era exactamente a mesma proposta que o día anterior non lles servía.
E aínda así, a rectificación chegou con trampa: o presidente da Cámara negouse a ler en voz alta o texto aprobado, limitándose a xustificar que “xa o coñecían todos” e privando ao minuto de silencio da solemnidade institucional que merecía.
Durante ese silencio, todas as deputadas e deputados socialistas mostraron unha cartolina coa mensaxe “Paremos o xenocidio en Gaza”, un recordo colectivo ás vítimas que contrastou coa ambigüidade do PP.
Posteriormente, e na súa primeira intervención na Sesión de Control, Besteiro evocou ao Nobel da Paz Elie Wiesel, sobrevivente de Auschwitz. Lembrou que, para Wiesel, “o que non se podía comprender era a indiferencia dos que permaneceron calados”, e que “a neutralidade axuda ao opresor, o silencio ante o horror axuda ao verdugo”. Con esas palabras, advertiu que “non podemos calar nin permanecer neutrais, é o momento de tomar partido”.
Ademais, lamentou que o PP votase finalmente a favor só para evitar que o protagonismo recaese no Partido Socialista, segundo recoñeceu o propio presidente da Xunta: “Non fixeron o minuto porque estean convencidos. Vostede mesmo se retrata cando fala de guerra: non está convencido. Nin sequera dixo a palabra xenocidio. Pero bueno, esa é a súa opción”, espetoulle a Rueda.
A partir de aí, puxo o foco tamén en Galicia. Referiuse á chegada de menores migrantes non acompañados e criticou que a Xunta optase por alimentar polémicas e discursos de odio, chegando a propoñer, dixo, “un centro de concentración en Monforte”. Para Besteiro, esa actitude non é un erro illado, senón unha mostra de que o PP mira con complacencia á ultradereita: “hai que poñer pé en pared e con firmeza tomar partido”, subliñou.
Na súa réplica a Rueda, foi aínda máis directo. Preguntoulle se estaba disposto a “abrazar as posturas negacionistas dunha ultradereita que lle está comendo terreo por todos os lados”, e reprochoulle o seu seguidismo de Madrid: “Está máis desconectado da realidade que un Alti da liña eléctrica”, ironizou.
Besteiro concluíu advertindo de que o PP está asumindo unha por unha as bandeiras da extrema dereita: “negacionismo climático, contra a violencia machista, contra a acollida dos menores”. E rematou cunha esixencia clara: que o presidente da Xunta, como presidente de todos os galegos e galegas, se opoña formalmente a esa forma de facer política e deixe de asumir actitudes cobardes e complacientes coa ultradereita.
Besteiro, xunto á deputada Silvia Longueira, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, e portavoces socialistas e concelleiras e concelleiros responsables de política social en diferentes concellos: -Yolanda Aguiar, de Vigo. -Nereida Canosa, da Coruña. -Olga López Rocamonde, de Lugo. -Natalia González Benéitez, voceira do Grupo Socialista en Ourense. -Bibiana Peixoto, de Nigrán. -Nuria Lameiro, de Gondomar. -David Alonso, do Porriño. -Alejandro Figueroa, de Mos. -Marta Figueroa, de Culleredo. -Yolanda Bello, de Miño. -Catrina Queijo, de Cerceda. -Diego Díaz, alcalde de Val do Dubra.