O secretario xeral do PSdeG participa este sábado en Madrid no Comité Federal do PSOE, onde encabeza a delegación galega composta por 21 representantes. O encontro prodúcese na metade do mandato e marca o inicio dunha nova etapa orgánica e política no partido
O líder dos socialistas galegos destaca que este Comité Federal chega, ademáis, nun contexto político no que “Feijóo empurra o PP cara a un espazo cada vez máis ultra e máis próximo a Vox”, e subliña que a resposta do PSOE debe ser clara: “firmeza, estratexia e unidade”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará este sábado en Madrid a delegación galega no Comité Federal do PSOE, formada por 21 representantes. Un encontro que, segundo destacou, “chega a metade de mandato e debe servir para reorganizarnos e, con iso, reforzarnos como partido”.
Tras coñecerse que Rebeca Torró será a nova secretaria de Organización do PSOE, Besteiro valorou esta decisión como “un paso firme nun momento clave”. “É unha compañeira solvente, comprometida e que coñece ben o partido. A súa elección é unha boa nova para o conxunto da organización”, afirmou. Ademais, tamén valorou e cualificou de acertados os nomeamentos de Montse Mínguez como nova portavoz e da viguesa Enma López como portavoz adxunta.
O líder socialista galego destacou tamén que esta renovación orgánica responde á necesidade de actuar con firmeza ante calquera comportamento que traizoe os valores do partido: “fronte á corrupción, só cabe determinación e ningunha ambigüidade. E iso foi o que fixemos: apartamos de inmediato a quen traizoou a nosa confianza. Aquí non se tapa nada. Así actuamos os socialistas”.
Ademais, sinalou que este Comité Federal debe ser tamén unha expresión clara de apoio ao proxecto que lidera o Goberno de España: “un proxecto socialista que está a ofrecer os mellores datos económicos e sociais en anos, onde o crecemento económico e a redistribución dese crecemento entre a maioría social son unha realidade contrastada”.
Besteiro advertiu, así mesmo, do contexto político no que se celebra este Comité: “as dereitas —a política, a económica e a xudicial— están embarcadas nunha ofensiva perfectamente sincronizada”. Nese sentido, subliñou que “Feijóo, a quen coñecemos ben en Galicia, está a levar o PP a un espazo cada vez máis ultra e máis próximo a Vox”, unha liña que se verá reforzada no congreso que os populares celebran esta fin de semana.
“Ese é o contexto, e esa é tamén a responsabilidade que temos como partido: estar á altura, actuar con firmeza, con estratexia e, sobre todo, con unidade”, afirmou,