

O secretario xeral do PSdeG alertou de que a macrocelulosa pode comprometer “proxectos viables, sostibles e maduros” que xa están incluídos na planificación eléctrica
Apostou desde a Ulloa por impulsar iniciativas innovadoras que promovan “unha economía respectuosa co patrimonio e o medio natural”, en vez de “macrofábricas que esquilman”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe a Rueda que renuncie a apoiar o recurso que Altri anunciou contra a planificación eléctrica do Estado. Advertiu que podería “poñer en risco investimentos por valor de centos de millóns”, ademais de comprometer “proxectos viables, sostibles e maduros” que sí están incluídos nesa planificación. Sinalou que, de ocorrer así, “Rueda sería o responsable polo seu respaldo á planta”.
Besteiro visitou hoxe en Palas de Rei a cooperativa Milhulloa, que puxo como exemplo de “innovación vinculada á terra” tras dúas décadas “demostrando que se pode crear emprego e riqueza cun modelo sustentable e cen por cen ecolóxico”. Tras visitar a explotación, reclamou para a Ulloa iniciativas que impulsen “unha economía respectuosa co patrimonio e o medio natural”, en vez de “macrofábricas que esquilman”. Máis aínda, dixo, nunha comarca que é “un referente en Galicia polo seu sector agrario e gandeiro” e polo seu compromiso co futuro do rural.
O líder socialista defendeu que “o camiño” é apoiar proxectos “que coidan o territorio, xeran valor engadido e fortalecen o rural”, fronte á planta de Altri “que pretende impoñer a Xunta” e que “non representa nin futuro nin progreso”. “Nós defendemos a industria, pero unha industria que cree emprego de calidade e respecte o maior patrimonio que temos, o noso medio natural”, insistiu.
Alertou de que levantar unha celulosa na Ulloa vai danar os recursos, desprazar cultivos e explotacións “que son a principal fonte de riqueza da comarca e causar un impacto catastrófico sobre o medio”. Recordou tamén que “nin vai crear o emprego que prometeu nin vai fixar poboación, senón todo o contrario”.
José Ramón Gómez Besteiro subliñou que despois dos “tres non do Goberno”, á subvención do Perte de descarbonización, ás axudas extraordinarias e á conexión eléctrica, confírmase o que o PSdeG viña advertindo: “Queda claro que Altri non é viable nin económica, nin social, nin ambientalmente”, e que, ademais, “nin España nin Europa lle abriron as portas”. “En Galicia non o queremos”, sentenciou.
“Que vai facer Rueda?”
“A pregunta agora é que vai facer Rueda respecto do recurso que estuda presentar Altri tras a súa exclusión da planificación eléctrica”, dixo o secretario xeral, que sinalou que apoialo “sería irresponsable”. Por iso, demandoulle “que renuncie dunha vez a instalar Altri en Palas, que resolva negativamente e dea o proxecto por liquidado”.
Besteiro lamentou de que a macrocelulosa fose “a única aposta de Rueda para a Ulloa”, e instouno a “cambiar xa de rumbo”. Chamou a atención sobre que nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano “non hai nin un euro” para impulsar a economía a través de plans sostibles, como a promoción dun turismo que poña en valor o patrimonio e a naturezaq, pese a que a comarca “é unha zona de enorme riqueza” nese senso. Tampouco figura ningunha partida para vivenda, principal preocupación da cidadanía. “Xa avanzamos que presentaremos emendas aos Presupostos para eses fins”, asegurou.