José Ramón Gómez Besteiro analizou co presidente da Generalitat, Salvador Illa, medidas para atallar a crise habitacional e o avance da ultradereita, “problemas que están entre as principais preocupacións dos socialistas porque tamén están entre os da cidadanía, xa que afectan aos dereitos básicos”
PSdeG e PSC reforzaron en Barcelona a alianza estratéxica a través do grupo de traballo que se puxo en marcha durante a visita de Illa a Galicia o pasado xullo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe a Rueda que abandone o bloqueo imposto por Feijoo ás comunidades autónomas e siga o exemplo de Cataluña, que vén de sumarse ao Plan de Vivenda do Goberno e obterá así 1.000 millóns de euros destinados a políticas públicas. “Debe actuar como un presidente libre e estar á altura do maior problema que angustia aos galegos e galegas”, asegurou durante a súa visita a Barcelona.
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia desenvolveu estes días unha axenda política e institucional en Cataluña, onde, entre outras reunións, mantivo un encontro co presidente da Generalitat, Salvador Illa. A crise habitacional e o avance da ultradereita foron dous dos temas que centraron a xuntanza entre ambos. “Son problemas que están entre as principais preocupacións dos socialistas porque tamén están entre as da cidadanía, xa que afectan aos dereitos básicos”, explicou Besteiro.
No que, en concreto, se refire á vivenda, Besteiro advertiu que “a regulación do alugueiro, a promoción pública de vivenda protexida de por vida e o control da especulación son obrigas dunhas institucións democráticas fortes, que se ven ameazadas cando se deixa só en mans do mercado o acceso a un ben esencial”. Alertou, ademais, de que neste momento “aí está precisamente o gran foco de desigualdade”.
Por iso, valorou que, “tras 16 anos nos que o PP non impulsou vivenda pública desde a Xunta”, o Goberno central ofreza 390 millóns de euros destinados a desenvolver políticas “imprescindibles” para as 23.000 familias que en Galicia agardan por unha casa ou un piso. “E ese número aumenta cada día”, subliñou.
Besteiro destacou que o Plan de Vivenda inclúe axudas para mobilizar a vivenda existente e medidas de apoio específicas para a mocidade, as zonas rurais e as áreas demograficamente deprimidas, “polo que precisamente Galicia non se pode permitir o luxo de quedar fóra”.
Ao fío desas iniciativas, o secretario xeral do PSdeG salientou as políticas de Illa, cuxo Goberno está traballando na execución de 50.000 vivendas ata o ano 2030, e que foi pioneiro na implantación de zonas tensionadas para conter os prezos do alugueiro.
Ambos líderes trataron, ademais, diferentes asuntos de interese para as dúas comunidades, como as políticas sociais, o desenvolvemento industrial, a lingua ou o autogoberno. Entre eles tamén estivo o do financiamento autonómico e a condonación da débeda, que Besteiro defendeu como “unha oportunidade”, xa que o seu cálculo tamén responde ás singularidades de Galicia, como son a dispersión demográfica e o avellentamento da poboación.
Encontro co Grupo Socialista no Parlamento catalán
A visita de Besteiro a Barcelona tamén serviu para reforzar a alianza estratéxica entre o PSdeG e o PSC. Esta púxose en marcha o pasado xullo, durante a visita de Illa a Galicia, a través dun grupo de traballo entre ambas organizacións. O seu obxectivo é poñer en valor “un modelo de país compartido”, tal como recordou hoxe Besteiro.
Dentro dese marco de colaboración entre os socialistas galegos e cataláns, o secretario xeral do PSdeG achegouse previamente ao Parlamento de Cataluña para coñecer a actividade que desenvolve o Grupo do PSC na Cámara autonómica. Durante a mañá, José Ramón Gómez Besteiro mantivo varias xuntanzas tanto coa dirección do grupo como con deputados e deputadas.
Un dos asuntos que trataron foi a promoción dos idiomas propios. Besteiro destacou o traballo do Goberno pola oficialidade do galego e o catalán na UE, “e nese labor está contando co apoio dos eurodeputados tanto do PSdeG coma do PSC”, defendeu.
Abordaron tamén o escenario de “compracencia e complicidade” da dereita coa ultradereita. “O PP merca o discurso de Vox por intereses electoralistas e o que fai é darlle ás”, dixo o secretario xeral do PSdeG. Como mostra diso, lembrou os recentes ataques en Galicia a centros onde se vai acoller a menores migrantes e a sedes socialistas.