

Reprochoulle que, hai só uns meses, anunciou que ía reclamar 500 millóns de euros máis, pero agora négase a buscar acordos sobre a base próxima aos 580 millóns que figura na proposta do Goberno
O portavoz socialista puxo a sanidade como exemplo dos problemas nos servizos públicos que se poderían corrixir co novo modelo: 360.000 persoas agardando por unha cita médica e á cola de España en gasto en atención primaria
O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe a Rueda que explique o seu modelo de financiamento para Galicia e se sente a negociar “como van facer outras comunidades”. Segundo lle advertiu, o contrario sería “unha mostra de covardía política que lle custará a Galicia e aos seus intereses”, unha covardía que se debe, “única e exclusivamente, ao seguidismo das instrucións que lle da Feijoo”. “Responda como presidente e actúe de forma valente”, esixiulle.
O líder socialista iniciou a súa intervención na sesión de control do Parlamento poñendo cifras á situación que atravesa a sanidade galega, con 360.000 persoas agardando unha cita médica, 50.000 delas esperando por unha intervención cirúrxica, e máis de 12.000 nenas e nenos desprazándose quilómetros para recibir atención pediátrica. A iso únese que o gasto en atención primaria é o peor de España, agás a comunidade de Madrid, “que, como saben, é un referente na prestación da sanidade pública”, ironizou.
Besteiro referiuse a ese servizo público en concreto, “pero —dixo— poderiamos falar tamén de vivenda, de dependencia, de servizos sociais, de ensino”, para sinalar o “momento histórico” que supón a proposta dun novo modelo de financiamento autonómico e, polo tanto, a oportunidade que implica para acadar os fondos necesarios cos que sufragar esas prestacións.
“Hai apenas un ano, vostede anunciou que ía reclamar 500 millóns de euros, e hoxe hai unha proposta de 578 millóns”, recordoulle a Rueda, e invitouno a preguntarlle “ao seu conselleiro se 578 son máis ou menos que 500, que vostede dicía que tiña que ser o obxectivo de Galicia”. “Que pasou con esa esixencia?”, preguntoulle.
Con todo, o portavoz socialista explicou que considera o modelo que propón o Goberno “ben ancorado, pero que se pode e se debe mellorar para Galicia”, e marcou ese obxectivo en 900 millóns de euros. “Sente a negociar, mellore ese financiamento e mellorará a vida de todos os galegos e galegas”, demandoulle a Rueda.
“Ou non ten modelo, ou teno e non o quere amosar”
José Ramón Gómez Besteiro animou ao presidente da Xunta a explicar cal é o seu modelo, xa que rexeita negociar sobre a base da proposta do Estado. Segundo dixo, esa negativa só pode responder a dúas razóns: “Ou non ten modelo, ou teno e non o quere amosar, e as dúas cousas son extraordinariamente graves”.
Segundo o secretario xeral do PSdeG, diso dedúcese unha incapacidade para consensuar coas outras comunidades autónomas, “co que o argumento da multilateralidade que tanto pregoaba o PP se cae, e o que hai é unha verdadeira mentira”. Tamén que, se de verdade Rueda dispón dun modelo de financiamento propio, “Feijoo non lle deixa ensinalo”. A conclusión, advertiu Besteiro, é que existe un seguidismo polo que o líder do PP lle ordena ao presidente da Xunta “o que ten que facer”.
“Eu pídolle liderado, que veña a esta Cámara e nos explique o seu modelo. Que nos explique en que cambiaría a proposta do Goberno, pero con cifras. Discútaas, busque consenso coas outras comunidades autónomas e abandone esa posición politicamente covarde, e sente a discutir co Goberno, porque ese sistema pode mellorarse”, insistiulle Besteiro.